O PPdeG urxe ao Goberno central a que cree “sen máis demora” as especialidades de Xenética Médica e de Xenética de Laboratorio

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a través da iniciativa do Grupo Popular, instar ao Goberno central a que publique, “sen máis demora”, o real decreto lei a través do cal se creen as especialidades de Xenética Médica e de Xenética de Laboratorio.

Tras afearlle ao PSdeG o seu voto contra a esta proposición non de lei, a portavoz da área de Sanidade, Encarna Amigo, incidiu “na necesidade urxente” de que os profesionais que traballan neste ámbito conte cunha “formación específica, homoxénea e recoñecida” en todo o Sistema Nacional de Saúde.

Así, durante a súa intervención na Comisión 5ª, lamentou que o Goberno central leve “máis dun ano freando” a formación regrada destes profesionais. Recordou que foi, en decembro de 2024, cando a Comisión nacional de recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde aprobou a creación destas dúas especialidades. Tal e como remarcou, a pesar do consenso técnico e institucional, o Executivo de Pedro Sánchez, máis dun ano despois, non foi quen de aprobar o real decreto que formalice a Xenética Médica e a de Laboratorio.

Para Encarna Amigo, non hai xustificación técnica nin sanitaria para este atraso, polo que amosou a súa preocupación a que poida responder a unha estratexia política: “Non podemos permitir que o avance da medicina dependa do calendario político de Pedro Sánchez”.

GALICIA, REFERENTE EN MEDICINA XENÓMICA
Encarna Amigo puxo en valor a aposta decidida da nosa Comunidade pola medicina xenómica e a medicina das “5P: personalizada, preditiva, preventiva, participativa e poboacional”. “Contamos –engadiu- cun ecosistema investigador sólido, con institucións de referencia como a Fundación Pública de Medican Xenómica”.

E fixo referencia a proxectos pioneiros como o Proxecto Xenoma Galicia, que permitirá analizar o ADN de centos de miles de persoas para anticipar enfermidades e mellorar a prevención. A isto, dixo, súmase a aposta pola oncoloxía de precisión, coa incorporación diagnóstico molecular avanzado e o uso de biomarcadores, así como terapias innovadoras como as CAR-T.

O GOBERNO CENTRAL NON CUMPRE CON OURENSE
Por outra banda, durante o debate da iniciativa do Grupo Socialista, relativa á converxencia salarial da provincia de Ourense coa de Galicia e do resto do estado, a deputada popular Noelia Pérez lamentou que o PSdeG faga unha lectura interesada das estatística e empregue datos “pouco rigorosos” á hora de falar deste asunto.

Así, afeoulle que intente facer crer aos ourensáns que unha cuestión complexa como esta se poida arranxar cun “documento redactado en dous meses”: “O que necesita Ourense –engadiu- non son tres folios de propaganda redactados á présa, senón seguir impulsando políticas serias”. Neste punto, puxo en valor as medidas, postas en marcha polo Goberno galego, para mellorar o emprego, atraer investimento e incrementar a produtividade; factores, dixo Noelia Pérez, que si teñen incidencia directa nos salarios. Referiuse a programas como o de Galicia Suma Talento, para a formación e a captación de emprego cualificado, aos obradoiros duais, así como tamén á orde de axudas a autónomos, con máis de 40M€.

Para rematar, urxiu ao Goberno de Pedro Sánchez a que salde as débedas que ten con Ourense en materia de infraestruturas, como: a A-76 cara Valdeorras; a conexión Ourense-Lugo; as actuacións pendentes da alta velocidade; ou a demora da estación intermodal. “Os ourensáns merecen solucións reais e colaboración institucional. A Xunta cumpre coa provincia; o Goberno de España, non”, apuntou.

O PPdeG pon en valor o Centro integral de loita contra o lume como “un referente europeo da formación” sobre a prevención e a defensa contra os incendios

O PPdeG puxo en valor o Centro integral de loita contra o lume, en Toén, como “un referente europeo da formación” sobre a prevención e a defensa contra os incendios forestais.

Durante unha visita ás súas instalacións, especialmente deseñadas para ofrecer este tipo de formación, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Campero e Miguel Viso, remarcaron a súa oferta formativa, que inclúe accións específicas sobre o risco extremo dos incendios, a xestión emocional, o uso de maquinaria lixeira ou a actualización de procedementos operativos. Neste punto, salientan a boa acollida entre profesionais de diferentes países como Estonia ou Países Baixos.

Acompañados do alcalde, Ricardo González, salientaron que, para o segundo trimestre do ano, hai programado un total de 12 cursos, nos que se prevé a participación de máis de 960 profesionais, desde axentes, bombeiros, vixilantes ou condutores de motobomba. En 2025, impartíronse 25 cursos a preto de 6.000 alumnos.

A programación formativa para os vindeiros meses abrangue aspectos como a investigación de lumes, o manexo de maquinaria, a utilización de datos e imaxes de satélite aplicados á extinción, a ferramentas de xestión emocional e autocoidado, ou, entre outros aspectos, a xestión de medios aéreos desde os centros de coordinación.

INVESTIMENTO HISTÓRICO NO PLADIGA
Tal e como sinalaron, esta oferta formativa forma parte do Plan de formación do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais que, á súa vez, se integra no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), recentemente, actualizado polo Goberno galego.

Neste senso, aproveitaron para destacar “o investimento histórico” do Goberno galego en materia de prevención e defensa contra os incendios, ao superar, este ano, os 213M€, un 18% máis que en 2025.

O PPdeG logra unanimidade no Congreso para impulsar unha declaración institucional a favor da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

O deputado lucense e portavoz de Industria e Turismo do Grupo Popular no Congreso, Francisco Conde, celebra a unanimidade acadada na Comisión de Industria e Turismo do Congreso para apoiar a declaración institucional proposta polo PPdeG para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO.

“Trátase dunha iniciativa para proxectar un dos patrimonios culturais e paisaxísticos máis relevantes do país”, reivindica Conde, que pon en valor o esforzo de todos os grupos no Congreso para reafirmar a candidatura “Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga’ a Patrimonio Mundial.

PATRIMONIO HIDRÁULICO E CULTURAL

A declaración institucional proposta polos populares destaca á Ribeira Sacra como un enclave natural que “ilustra a xénese e evolución dun territorio esculpido pola auga e paradigma dunha cultura hídrica”, así como a súa historia vinculada a antiga tradición eremítica e monástica.

Tamén se fai referencia aos seus principais atributos, entre os que sobresaen o capital biocultural, as formas ancestrais de ocupar o territorio, os sistemas tradicionais de cultivo, o denso e variado patrimonio hidráulico ou os canóns e vales fluviais que sustentan a paisaxe.

O deputado popular tamén subliña o “forte compromiso institucional” coa Ribeira Sacra e coa candidatura, polo que esta declaración institucional se converte nun paso máis de cara ao obxectivo final na UNESCO.

Paula Prado esixe a PSOE e BNG que freen a “escalada de odio” ante a “moción de impulso” do PP de Lugo, que “si pensa nos lucenses”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esixe a PSOE e a BNG que freen a súa “escalada de odio” fronte a “moción de impulso” do PP de Lugo, que “si puxo enriba da mesa 45 medidas pensando só nos lucenses”. Así o manifestou hoxe durante unha visita a Lugo, xunto á portavoz dos populares na cidade, Elena Candia, á que felicitou polo seu traballo e pola resposta da veciñanza a súa iniciativa, augurando que, a partir do próximo 7 de maio, “será alcaldesa e reactivará Lugo, porque merece un goberno mellor e saír da inacción”.

A número dous dos populares galegos critica as “descualificacións” e a “confrontación” da esquerda ante a moción de impulso e pregúntase “que fixeron PSOE e BNG nestes tres anos de desgoberno”, sorprendida porque ningún deles se parou estes días a defender o traballo do actual goberno.Referiuse á manifestación do 1 de maio convocada pola CIG en Vigo nun inicio e, posteriormente, trasladada a Lugo, un feito que para Prado “só pretende xerar crispación”, demostrando que “o brazo sindical do BNG non pon os intereses dos traballadores por riba de todo”.

Do mesmo xeito, lamentou o apoio de socialistas e independentistas á plataforma “Transfuguismo Non Democracia Si”, fronte ao desprestixio á plataforma “SOS Salvemos Lugo”, feitos que para a secretaria xeral non son “casuais”, afeando o liderado da primeira plataforma, cunha persoa á fronte que mantén contratos co Concello de Lugo. Así, subliñou que “os nacionalistas gobernan para amigos e empresas amigas”, pero, en palabras de Prado, “todo iso vaise acabar”.

ELENA CANDIA: “AGORA TOCA MODERACIÓN E SERENIDADE”

Pola súa banda, Elena Candia lembrou que no ano 2023 o Partido Popular gañou as eleccións municipais en Lugo con 12 concelleiros, quedando a moi poucos votos da maioría absoluta. Nese momento, os populares aceptaron con “normalidade democrática” o pacto entre PSOE e BNG.

Agora, cando existe a posibilidade de conformar unha maioría alternativa, explicou Candia, “tiñamos a obriga de intentalo, nun exercicio de responsabilidade, plenamente lexítimo e pensado no interese xeral da cidade”.

Do mesmo xeito, reivindicou o papel do PP de Lugo durante estes tres anos, facendo unha oposición “seria, construtiva e útil”, lembrando que ao actual alcalde “ofrecémoslle diálogo, estabilidade e acordos”, pero esa man tendida “foi ignorada”.

Para a portavoz do PP de Lugo toca abrir unha nova etapa “desde a moderación, a serenidade e a vontade de gobernar para todos”. “Lugo necesita menos confrontación e máis entendemento, e por iso tamén pedimos ás forzas do actual goberno que abandonen os discursos de odio e crispación”, insistiu.