A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esixe a PSOE e a BNG que freen a súa “escalada de odio” fronte a “moción de impulso” do PP de Lugo, que “si puxo enriba da mesa 45 medidas pensando só nos lucenses”. Así o manifestou hoxe durante unha visita a Lugo, xunto á portavoz dos populares na cidade, Elena Candia, á que felicitou polo seu traballo e pola resposta da veciñanza a súa iniciativa, augurando que, a partir do próximo 7 de maio, “será alcaldesa e reactivará Lugo, porque merece un goberno mellor e saír da inacción”.
A número dous dos populares galegos critica as “descualificacións” e a “confrontación” da esquerda ante a moción de impulso e pregúntase “que fixeron PSOE e BNG nestes tres anos de desgoberno”, sorprendida porque ningún deles se parou estes días a defender o traballo do actual goberno.Referiuse á manifestación do 1 de maio convocada pola CIG en Vigo nun inicio e, posteriormente, trasladada a Lugo, un feito que para Prado “só pretende xerar crispación”, demostrando que “o brazo sindical do BNG non pon os intereses dos traballadores por riba de todo”.
Do mesmo xeito, lamentou o apoio de socialistas e independentistas á plataforma “Transfuguismo Non Democracia Si”, fronte ao desprestixio á plataforma “SOS Salvemos Lugo”, feitos que para a secretaria xeral non son “casuais”, afeando o liderado da primeira plataforma, cunha persoa á fronte que mantén contratos co Concello de Lugo. Así, subliñou que “os nacionalistas gobernan para amigos e empresas amigas”, pero, en palabras de Prado, “todo iso vaise acabar”.
ELENA CANDIA: “AGORA TOCA MODERACIÓN E SERENIDADE”
Pola súa banda, Elena Candia lembrou que no ano 2023 o Partido Popular gañou as eleccións municipais en Lugo con 12 concelleiros, quedando a moi poucos votos da maioría absoluta. Nese momento, os populares aceptaron con “normalidade democrática” o pacto entre PSOE e BNG.
Agora, cando existe a posibilidade de conformar unha maioría alternativa, explicou Candia, “tiñamos a obriga de intentalo, nun exercicio de responsabilidade, plenamente lexítimo e pensado no interese xeral da cidade”.
Do mesmo xeito, reivindicou o papel do PP de Lugo durante estes tres anos, facendo unha oposición “seria, construtiva e útil”, lembrando que ao actual alcalde “ofrecémoslle diálogo, estabilidade e acordos”, pero esa man tendida “foi ignorada”.
Para a portavoz do PP de Lugo toca abrir unha nova etapa “desde a moderación, a serenidade e a vontade de gobernar para todos”. “Lugo necesita menos confrontación e máis entendemento, e por iso tamén pedimos ás forzas do actual goberno que abandonen os discursos de odio e crispación”, insistiu.