O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a través da iniciativa do Grupo Popular, instar ao Goberno central a que publique, “sen máis demora”, o real decreto lei a través do cal se creen as especialidades de Xenética Médica e de Xenética de Laboratorio.
Tras afearlle ao PSdeG o seu voto contra a esta proposición non de lei, a portavoz da área de Sanidade, Encarna Amigo, incidiu “na necesidade urxente” de que os profesionais que traballan neste ámbito conte cunha “formación específica, homoxénea e recoñecida” en todo o Sistema Nacional de Saúde.
Así, durante a súa intervención na Comisión 5ª, lamentou que o Goberno central leve “máis dun ano freando” a formación regrada destes profesionais. Recordou que foi, en decembro de 2024, cando a Comisión nacional de recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde aprobou a creación destas dúas especialidades. Tal e como remarcou, a pesar do consenso técnico e institucional, o Executivo de Pedro Sánchez, máis dun ano despois, non foi quen de aprobar o real decreto que formalice a Xenética Médica e a de Laboratorio.
Para Encarna Amigo, non hai xustificación técnica nin sanitaria para este atraso, polo que amosou a súa preocupación a que poida responder a unha estratexia política: “Non podemos permitir que o avance da medicina dependa do calendario político de Pedro Sánchez”.
GALICIA, REFERENTE EN MEDICINA XENÓMICA
Encarna Amigo puxo en valor a aposta decidida da nosa Comunidade pola medicina xenómica e a medicina das “5P: personalizada, preditiva, preventiva, participativa e poboacional”. “Contamos –engadiu- cun ecosistema investigador sólido, con institucións de referencia como a Fundación Pública de Medican Xenómica”.
E fixo referencia a proxectos pioneiros como o Proxecto Xenoma Galicia, que permitirá analizar o ADN de centos de miles de persoas para anticipar enfermidades e mellorar a prevención. A isto, dixo, súmase a aposta pola oncoloxía de precisión, coa incorporación diagnóstico molecular avanzado e o uso de biomarcadores, así como terapias innovadoras como as CAR-T.
O GOBERNO CENTRAL NON CUMPRE CON OURENSE
Por outra banda, durante o debate da iniciativa do Grupo Socialista, relativa á converxencia salarial da provincia de Ourense coa de Galicia e do resto do estado, a deputada popular Noelia Pérez lamentou que o PSdeG faga unha lectura interesada das estatística e empregue datos “pouco rigorosos” á hora de falar deste asunto.
Así, afeoulle que intente facer crer aos ourensáns que unha cuestión complexa como esta se poida arranxar cun “documento redactado en dous meses”: “O que necesita Ourense –engadiu- non son tres folios de propaganda redactados á présa, senón seguir impulsando políticas serias”. Neste punto, puxo en valor as medidas, postas en marcha polo Goberno galego, para mellorar o emprego, atraer investimento e incrementar a produtividade; factores, dixo Noelia Pérez, que si teñen incidencia directa nos salarios. Referiuse a programas como o de Galicia Suma Talento, para a formación e a captación de emprego cualificado, aos obradoiros duais, así como tamén á orde de axudas a autónomos, con máis de 40M€.
Para rematar, urxiu ao Goberno de Pedro Sánchez a que salde as débedas que ten con Ourense en materia de infraestruturas, como: a A-76 cara Valdeorras; a conexión Ourense-Lugo; as actuacións pendentes da alta velocidade; ou a demora da estación intermodal. “Os ourensáns merecen solucións reais e colaboración institucional. A Xunta cumpre coa provincia; o Goberno de España, non”, apuntou.