Santiago, 4 de outubro de 2019.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, afirmou hoxe que a Xunta “está a cumprir coa lexislación vixente no procedemento de tramitación dunha proposta de creación dunha universidade privada en Galicia, un proxecto que dependerá da aprobación dunha lei no Parlamento galego”.
Martín Fernández explicou que a normativa vixente “permite a existencia de universidades públicas e privadas, pero sempre cumprindo uns requisitos”. “Polo que deben velar as administracións públicas, e iso a Xunta o está a facer moi ben, é porque se cumpra a lei e, sobre todo, que o nivel educativo sexa o mellor posible, tanto nas universidades públicas como privadas”.
“Debemos preocuparnos de ter un excelente sistema universitario galego e que si algún centro privado quere impartir docencia en Galicia o faga en condicións de calidade”, apuntou. Neste punto, concretou que “só cinco comunidades autónomas non contan con universidades privadas: Galicia, Asturias, Baleares, Castela-A Mancha e Estremadura”.
O portavoz popular lembrou que no recente Debate sobre o Estado da Autonomía “aprobouse unha resolución, consensuada entre o Grupo Popular e os socialistas, a través da que se insta á Xunta a garantir que calquera incorporación de novas universidades ao Sistema Universitario de Galicia evite efectos negativos ás existentes e produza complementariedade e non reiteración coa oferta de titulacións destas”.