Santiago, 8 de outubro de 2019.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, María Antón Vilasánchez, subliñou hoxe no Pleno do Parlamento “o compromiso do Goberno do Partido Popular de recuperar paulatinamente as retribucións do profesorado, pactando cos sindicatos as melloras retributivas que comezaron hai xusto un ano e que seguirán ata 2021”.
María Antón lembrou que “as actuais condicións laborais do persoal docente non universitario son produto dun axuste necesario derivado da decisión do Goberno bipartito e do real decreto-lei de 2012”.
No ámbito das infraestruturas educativas, a portavoz popular salientou que “o esforzo de planificación e execución de mellora dos centros docentes permitiu que neste ano a Xunta licitase a maior cantidade de obras dos últimos tempos”. “Estamos a falar dun plan que ten un percorrido ata 2021 e permitirá 116 actuacións cun investimento de máis de 200 millóns de euros, con obras que beneficiarán a máis de 33.000 alumnos”, apuntou.
IMPLANTACIÓN DE NOVOS PLANS
A portavoz popular tamén asegurou que a Consellería de Educación, “antes de implantar calquera plan, fai proxectos piloto para comprobar que as medidas se adaptan á realidade dos centros e dos cursos escolares, e posteriormente se implantan de xeito progresivo cun seguimento da evolución para introducir melloras cando é preciso”.
“Neste proceso, a implicación dos centros, equipo directivo e profesores é fundamental, porque a participación é voluntaria”, sinalou María Antón, quen engadiu que “non se obriga aos centros, se fomenta a súa implicación e se lles facilita asesoramento, ferramentas e equipamento”.