Santiago, 22 de outubro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, avogou hoxe por rematar nesta lexislatura os traballos das comisións non permanentes sobre as políticas relativas á discapacidade e para a igualdade e os dereitos das mulleres, deixando para a vindeira lexislatura “unha revisión das comisións permanentes no Parlamento galego para adaptalas aos distintos departamentos da Xunta de Galicia”.
No debate dunha proposición de lei do Grupo Mixto para a modificación do regulamento do Parlamento de Galicia na que, entre outros puntos, se solicita a inclusión das linguas de signos castelán e galega como linguas oficiais desta Cámara, Marta Rodríguez lembrou que a propia Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia manifestou en febreiro deste ano que “non hai unha demanda social para unha lingua de signos galega” e apuntou que “sempre defendemos as linguas de signos que están recoñecidas oficialmente neste momento a nivel estatal”.
Neste sentido, a viceportavoz popular afirmou que a lingua de signos “xa se está a utilizar no Parlamento de Galicia, ao tempo que a propia páxina web acaba de incluír novos contidos con interpretación en lingua de signos”. Ademais, afirmou que “sempre se autorizou e autoriza a presenza nos plenos e comisións de persoas que exerzan de asistentes das persoas con diversidade funcional”.