Santiago, 23 de outubro de 2019.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, salientou hoxe no Pleno do Parlamento que “Galicia é a segunda comunidade española con máis potencia renovable instalada, co 66 por cento da enerxía xerada e o 86 por cento da enerxía consumida de orixe renovable”. “Con estes datos, superamos con creces os obxectivos marcados pola Unión Europea”, asegurou.
Marta Nóvoa lembrou que “Galicia aposta de forma clara polas enerxías renovables e, en concreto, pola enerxía eólica, xa que está xogando un papel destacado na creación de riqueza e emprego”. Deste xeito, apuntou que “na actualidade estanse a construír na Comunidade galega unha vintena de parques eólicos, que teñen prevista a súa entrada en funcionamento antes de final do presente ano cunha potencia de 480 megavatios e un investimento de 564 millóns de euros”.
“O desenvolvemento de enerxías limpas pasa indubidablemente polo cumprimento da legalidade e de todas as garantías por parte dos proxectos”, manifestou a portavoz popular, quen afirmou que “a Xunta non outorgará ningún permiso eólico que non logre unha absoluta compatibilidade ambiental e unha total integración territorial e social”.