Santiago, 14 de agosto de 2019.- O Grupo Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a garantir o futuro e o emprego e paliar os efectos da transición enerxética na central térmica das Pontes. Entre outras medidas, os deputados populares solicitan a supresión do céntimo verde para o carbón, ao igual que se ten realizado para outras tecnoloxías, como é o caso do gas, garantindo deste xeito a neutralidade tecnolóxica.
Así mesmo solicitan a adopción dun mecanismo de compensación de pagos por capacidade, o establecemento de exencións das medidas fiscais ás centrais térmicas de carbón de importación que estean en proceso de adaptación á Directiva de Emisións Industriais e a fixación dunha retribución específica nos casos en que se estea utilizando, por exemplo, biomasa forestal.
Na iniciativa popular tamén solicitan a participación do Goberno central na iniciativa conxunta que a Xunta de Galicia está a impulsar con sindicatos e axentes sociais e económicos na defensa dos intereses do emprego directo e indirecto vinculado á central térmica.
A viceportavoz popular Paula Prado, en declaracións aos medios de comunicación, criticou o importante deterioro na súa produción, consecuencia dunha política enerxética desordenada por parte do Goberno de España, que avoga polo abandono anticipado do carbón sen dar resposta ás consecuencias en termos de actividade económica e emprego nos territorios afectados, nin en termos de garantías da subministración eléctrica a un prezo competitivo.
O Grupo Popular revela os datos de que a central das Pontes producíu 8,0 TWh, consumindo 4,9 millóns de toneladas de carbón no 2018 e, sen embargo, ata xuño deste ano, a súa produción só ten chegado a 2,1 TWh, tras dous meses de parálise case total de actividade. E esta paralización xa ten graves consecuencias entre o colectivo de preto de 200 transportistas que trasladan o carbón desde o porto exterior de Ferrol a esta central, os cales teñen serias dificultades para afrontar gastos.
Os deputados populares recordan que a central térmica das Pontes é o maior grupo termoeléctrico con carbón de España, cunha potencia instalada de 1.400 megawatts, que da emprego directo e indirecto a 750 traballadores da central térmica, empresas auxiliares e transportistas e xera un impacto económico na zona de 80 millóns de euros ao ano, a través da compra de bens, servizos e salarios.