24, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto para cambiar de alcalde en Santiago, ante a coalición de parálise de Martiño Noriega coa débeda de Bugallo e o nacionalismo do BNG.
Sostivo que o 26 de maio vótase cambiar de rexedor que teña como prioridade que a cidade avance e apostar por unha actitude de liderado. Do mesmo xeito, apuntou que se vota tamén cambiar o colapso burocrático pola axilidade na resposta e para que non se impoña un mandato ideolóxico.
Sinalou que, cando se vota socialistas, populistas ou nacionalistas, non se sabe en que goberno e en que alcalde acabará ese voto. Sen embargo, dixo que co voto a Agustín Hernández hai garantía de que esa confianza acabe en moderación, xestión, sentido común e obsesión por resolver problemas. Por iso, incidiu en que votar PSOE, Mareas, BNG, Ciudadanos ou VOX significará máis do mesmo e que “a única posibilidade real de cambio é Agustín Hernández”. Tal e como indicou, a combinación da esquerda só trae parálise, desgana e inestabilidade.
AGUSTÍN HERNÁNDEZ É SINÓNIMO DE XESTIÓN
O presidente do PPdeG, durante un almorzo en Santiago, salientou a experiencia de xestión do candidato popular: “Agustín Hernández é sinónimo de xestión”. Así, recordou a súa etapa como director xeral na Xunta de Galicia, como conselleiro e tamén como alcalde de Santiago, remarcando que “planificaba, executaba e pagaba”.
En cambio, tal e como destacou Feijóo, as experiencias de xestión de Noriega e de Bugallo non foron positivas para os composteláns: o primeiro, porque trouxo parálise e, o segundo, porque deixou débedas. “Son o manual da non xestión”, indicou. Por iso, o líder do PPdeG advertiu dos prexuízos para os veciños dunha alternativa conxunta de Noriega e de Bugallo no goberno de Santiago.
Así, Feijóo avogou por ir máis alá de partidos e de siglas e pensar que o mellor modelo de goberno é o da estabilidade. Salientou que Santiago está ante o reto de que o Xacobeo 2021 sexa un antes e un despois para a urbe, polo que salientou que é necesario que o Goberno galego “teña un socio” no concello que teña un plan e unha proposta. Por iso, incidiu en que Santiago necesita un alcalde que xestione e o faga ben como Agustín Hernández, e que lle preocupe o seu avance, tal e como vén demostrando nestes catro anos como xefe da oposición, sempre demandando investimentos e proxectos á Xunta, ante a inacción do Goberno local. “A política sen xestión é só palabra”, rematou, ou tempo que dixo que o candidato popular “é o xestor que pode recuperar os catro anos perdidos”.