Santiago, 25 de xuño de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno do Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a elaborar na presente lexislatura, en colaboración coa Fegamp, un informe que permita dimensionar o impacto do fenómeno da soidade en Galicia. Este documento conterá un censo de persoas maiores que viven soas na Comunidade galega e pídese que cos seus resultados se elabore, en colaboración coa Fegamp, o Goberno de España, e a participación do terceiro sector, unha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada en Galicia que aborde de forma integral este fenómeno.
A portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez Arias, lembrou o Informe Galicia: Perspectivas demográficas, presentado no mes de xullo de 2018 polo Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, no que se analiza o envellecemento da poboación e o perfil das persoas maiores en Galicia.
GALICIA, UN DOS LUGARES MÁIS SAUDABLES DO MUNDO
“En 2016 a esperanza de vida en Galicia era de 83 anos, manténdose como un dos lugares máis saudables do mundo”, destacou a portavoz popular, quen engadiu que en 2018 as persoas maiores de 64 anos na Comunidade galega chegan ao 24,59 por cento da poboación.
Así mesmo, Marta Rodríguez dixo que “os fogares unipersoais presentan unha maior relevancia porcentual nos concellos de menos de 10.000 habitantes e nos de máis de 50.000 habitantes, ao tempo que nos municipios máis pequenos os fogares unipersoais están maioritariamente integrados por unha persoa maior. “Pese a estes cambios nas dinámicas familiares, en Galicia persiste a familia con funcións de apoio e solidariedade entre os seus membros”, manifestou.
Rodriguez Arias subliñou que en Galicia “contamos coa Estratexia galega de Envellecemento Activo 2016-2020, que é o marco de actuación da Xunta para unha vida activa, saudable, independente e segura”. Dentro desta estratexia, explicou que incorpóranse os programas de voluntariado, Xantar na casa, o Servizo de axuda no fogar a teleasistencia ou as casas do maior.