26, xaneiro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que por xestión, igualdade, inversión e resultados, é mellor ter gobernos nos concellos como o de Galicia que como o de España.
Incidiu en que o Goberno do Estado débese a todos os españois, sen excepcións, e non só a aqueles partidos aos que lle debe o seu apoio na moción de censura. Neste senso, Feijóo referiuse aos orzamentos do Estado na nosa comunidade, nos que “non hai investimento, pero tampouco hai dignidade”. Porque, segundo dixo, dignidade é gobernar para todos; non entregarse a Podemos, a nacionalistas e independentistas; que a política territorial non a decidan os independentistas; nin que a política económica a decida Podemos.
O líder do PPdeG fixo referencia a varias cuestións nas que Galicia saíu prexudicada, como o AVE, as peaxes ou os investimentos nos orzamentos xerais do estado. Para rachar con isto, avogou por menos xestos e máis proxectos; menos egocentrismo e máis humildade; menos profetas e salvadores da patria e máis servidores públicos; e menos nacionalismo e máis sentido común.
A ESTABILIDADE DE GALICIA
Feijóo salientou que a diferenza entre os concellos gobernados polos socialistas ou os nacionalistas e os gobernados polo Partido Popular é que os primeiros están no goberno, mentres que os segundos gobernan: “E esa é a diferenza entre o actual goberno de España e a Xunta de Galicia”. “Os que gobernamos –engadiu- facemos o que dicimos, porque o noso discurso é o noso traballo”. Así, Galicia crece e crea emprego; cumpre coas súas obrigas; aumenta as súas prestación sociais e sanitarias; desenvolve novas infraestruturas, aproba os orzamentos en tempo e forma; e ten un goberno para todos.
Para o presidente dos populares galegos, quen está simplemente no goberno por estar só ten como obxectivo manterse aí: “Por iso non hai un Goberno de España para todos, senón para os socios que apoiaron a moción de censura e sosteñen a presidencia”. Feijóo dixo que o executivo de Pedro Sánchez, ademais de escorrer o bulto en cuestións como Venezuela ou o conflito co sector do taxi, non trata a todos os españois por igual e aos galegos, especialmente mal, porque sabe que non ten o seu apoio.
Lamenta que o vindeiro 26 de maio haxa alcaldes e candidatos en Galicia que pidan o voto para ERC e Bildu, e salientou que é mellor Galicia e España que Galicia ou España. Porque, segundo apuntou, o mellor fronte a incerteza continua é a estabilidade; fronte as divisións, a unidade; fronte as leas internas en cada un dos partidos nacionalistas de Galicia, centrarse na xestión; fronte o desgoberno e a parálise, goberno e ilusión; e fronte a socios que só teñen intereses partidistas, deberse a todos.
CANDIDATOS DO MORRAZO
Feijóo, que asistiu á presentación dos candidatos do Morrazo, de quen destacou a súa preparación, ganas e ilusión, dixo que os veciños atopan no PP un partido con vocación de goberno e tamén con vocación de servizo.
Amosou a súa confianza en José Enrique Sotelo para que poñer fin ao tripartito de Cangas; na capacidade de xestión demostrada de Elena Estévez para acabar co goberno esgotado de Bueu; e destacou a traxectoria contrastada de María Ramallo en Marín e a paixón que pon José Fervenza ao servizo de todos os veciños de Moaña, sen sectarismos nin divisións. Ademais, indicou que todos eles poden acreditar de forma obxectiva que o seu concello estivo mellor con eles no goberno.