Santiago, 30 de xaneiro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos defendeu hoxe no Parlamento que “Mos ten dereito a crecer e foi capaz de ofrecerlle ao Celta o que en Vigo se lle negaba reiteradamente”, en relación ao proxecto de cidade deportiva prevista neste concello pontevedrés. Deste xeito, sinalou que “se os grupos da oposición tiveran un mínimo de sentido ético da actividade política non estarían alarmando, manipulando e enganando aos veciños de Mos”.
No debate no Pleno dunha proposición non de lei de En Marea sobre a execución deste proxecto deportivo e comercial en Mos por parte do Celta de Vigo, Alberto Pazos asegurou que “a presentación desta iniciativa obedece a un profundo descoñecemento da lei, porque de non ser así suporía que estarían propoñendo á Xunta que prevarique”.
COMPETENCIA URBANÍSTICA MUNICIPAL
Neste sentido, lembrou que a competencia de planeamento urbanístico é municipal e a competencia autonómica se limita á comprobación do cumprimento da lei. “Deste xeito, as autorizacións urbanísticas son actos regrados nos que se se cumpre as normas é obrigado outorgar a concesións e se non cumpre se paraliza a citada concesión”, explicou.
“Mos, como moitos outros concellos da contorna metropolitana, está farto de que algúns o releguen á categoría de irmán pobre de Vigo, porque Mos quere crecer con Vigo e por iso tentou consensuar o transporte metropolitano ou a Lei da área metropolitana, que non foi posible polo veto do Concello de Vigo”, sinalou.
Alberto Pazos acusou a PSOE, En Marea e BNG de alarmar, manipular e enganar aos veciños de Mos, en concreto sobre cuestións como a afección ás traídas de augas, xa que só prexudica a unha captación en Pereiras; a afectación do monte, cando se ofrecen dous metros de monte reforestado por cada metro afectado; ou que afecta ao pequeno comercio, mentres o Concello de Vigo autoriza os centros comerciais de Vialia, Valladares, Recaré e Porto Cabral, ao temo que está a impulsar a apertura de Ikea.