Santiago, 21 de febreiro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio de En Marea, PSdeG e BNG, unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento que defina o trazado do treito da A-57 entre A Ermida e Pilarteiros tendo en conta o diálogo cos afectados, a fin de que se adopte unha solución que sexa socialmente asumible e na que se teñan en conta as reivindicacións veciñais que sexan tecnicamente viables. Así mesmo, unha vez sexa acordado o trazado cos colectivos afectados, se demanda que se axilice a tramitación administrativa necesaria para levar adiante o proxecto.
O deputado popular Jacobo Moreira lembrou que o Boletín Oficial do Estado BOE) publicou o pasado 13 de decembro o sometemento a información pública do proxecto do tramo A Ermida-Pilarteiros da A-57, así como o seu estudo de impacto ambiental. Esta actuación suporá un investimento superior aos 100 millóns de euros
DÚAS ALTERNATIVAS
“Este documento presenta dúas alternativas de trazado, que xa suscitaron o rexeitamento da veciñanza e propietarios afectados, principalmente das parroquias de Bora e Xeve, onde máis de 50 vivendas quedan afectadas, polo que anunciaron un elevado número de alegacións dadas as grandes afeccións destas propostas tanto a vivendas como a elementos patrimoniais, fauna e flora”, sinalou.
Diante desta situación, Jacobo Moreira considerou “desexable para o interese xeral que o proxecto de trazado que se leve adiante conte co máximo consenso posible das persoas afectadas, ao tempo que sexa socialmente asumible”.
Na súa intervención, o deputado popular criticou que “o actual Goberno central socialista publicara este proxecto desvinculándose das recomendacións dos veciños, cando é coñecido que co Goberno do Partido Popular sempre se escoitou ao máximo nivel aos afectados e se existía o compromiso de recoller as súas suxestións para o trazado”.