Santiago, 26 de setembro de 2018. O viceportavoz parlamentario do Grupo Popular, Miguel Tellado, lembrou que “hai catro meses, os socialistas negábanse a subirlle as pensións a medio millón de galegos”, en referencia á súa negativa a apoiar os orzamentos xerais do Estado do goberno liderado por Mariano Rajoy.
“Falar da política hai 4 meses parece hoxe falar da prehistoria, pero convén facer algo de memoria”, ironizou Tellado, para apuntar que os socialistas votaban en contra dunha subida de ata o 3 por cento para os pensionistas cuxas retribucións eran máis baixas “porque se conformaban con subilas un pouco máis un 1 por cento”. Ademais, reprochoulle aos socialistas que hoxe apliquen os orzamentos do Partido Popular “despois de dicir que eran pouco menos que o peor que lle podía pasar ao país”.
NO MESMO PUNTO
No mesmo sentido, o viceportavoz subliñou que “o Grupo Popular está exactamente no mesmo punto que a última vez que debatemos no Parlamento sobre esta cuestión”, para subliñar que traballará dun xeito responsable por un sistema sostible no tempo; que a mellor maneira de traballar polas pensións é apostar polo crecemento económico e a creación de emprego; que un bo complemento ás pensións é reducir a presión fiscal dos pensionistas cuxas retribucións eran menores; e que calquera reforma do sistema ten que pasar polo Pacto de Toledo.
Máis alá desta cuestión, Tellado lamentou que os socialistas galegos se atopen “anestesiados” ante os agravios que o goberno de Pedro Sánchez comete cada semana con Galicia. Entre algún dos últimos, o viceportavoz reprochou a súa postura coas propostas de retrasar a chegada do AVE a Galicia, a posta en risco dos contratos de Navantia, ou a retirada de 200 millóns de euros á Comunidade galega procedentes da recadación do IVE, entre outros.