Santiago, 14 de novembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Maribel Novo Fariña salientou hoxe no Parlamento que a Xunta destinou este ano 1,5 millóns de euros en axudas aos concellos para a contratación específica de socorristas, “a pesar de que estamos a falar dunha competencia municipal e non da Administración autonómica”.
Maribel Novo explicou que “son os propios concellos os que realizan directamente eses contratos, pero, do mesmo xeito que ocorre no caso das emerxencias, a Xunta aporta unhas axudas importantes para a dotación deste persoal nas praias galegas nos meses de verán”.
PRIMEIRA COMUNIDADE EN REGULAR
Así mesmo, a deputada popular subliñou que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha probas de acreditación para socorristas”, logo da aprobación en 2012 da primeira regulación da formación mínima de socorristas e o seu rexistro profesional en Galicia.
Esta normativa foi actualizada o pasado ano 2017 en consenso con diferentes organizacións e profesionais de salvamento, ademais dos propios concellos galegos. En concreto, apuntou que os cambios practicados con esta modificación supuxeron a prórroga ata o 10 de abril de 2021 da obrigatoriedade de dispor de certificación profesional para realizar traballos de socorrismo nas praias; a organización de cursos que permitan profesionais formados no momento de convocar as prazas; ou a habilitación aos titulados en Educación Física e aos técnicos en actividades deportivas para traballar como socorristas, sempre que realicen un curso de adaptación.
“Todas estas modificacións están consensuadas e pensadas coa premisa de facilitar a prestación do servizo mantendo o nivel de esixencia na formación, porque non debemos renunciar a garantir a seguridade da xente, pero sen esquecer que a Xunta non ten competencias na contratación de socorristas”, sinalou Maribel Novo.