Santiago, 15 de novembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular María Antón subliñou hoxe no Parlamento “o compromiso da Xunta coa posta en valor do Mosteiro de Oia, polo que non vai escatimar esforzos por facilitar e viabilizar un proxecto que permita a súa total recuperación física e, tamén, da memoria histórica”. Mostra disto é que este mosteiro forma parte da lista de BICs vinculados ao Camiño de Santiago que o Presidente da Xunta trasladou ao ministro de Cultura e Deporte para a súa rehabilitación de cara á celebración do Xacobeo 2021.
María Antón distinguiu o estado das dúas propiedades que conforman o conxunto arquitectónico do Mosteiro de Oia. Por unha parte, a igrexa monacal, propiedade da Diocese de Tui-Vigo, “que presenta un estado razoable de conservación e na que a Xunta xa investiu en varias fases para garantir a súa conservación”, dixo.
INVESTIMENTO EN CUBERTA E FACHADA
“Na outra parte do mosteiro, que é propiedade dunha empresa privada, a protección e conservación, en cumprimento das obrigas legais, non teñen dúbida”, asegurou. En concreto, lembrou que “a empresa leva investidos cerca de 500.000 euros na reparación de máis da metade da cuberta do edificio e ten remitido á Xunta o proxecto de novos investimentos en cuberta e fachada para facer fronte ás súas obrigas de mantemento e conservación deste ben patrimonial”.
Así mesmo, María Antón explicou que “o acceso ao mosteiro non é practicable nestes momentos, polo que é inviable establecer un réxime de vistas”. Neste sentido, lembrou que a lei de Patrimonio establece que a falta de seguridade para o acceso “é unha causa xustificada que exclúe o réxime de visitas das obrigas legais do propietario”.