Santiago, 23 de marzo de 2018.- A deputada do Grupo Popular Maribel Novo subliñou hoxe no Parlamento que “a mellora da calidade democrática é un dos obxectivos da política de goberno do Partido Popular”. Así, avogou por actuar “con prudencia e rigor” e esperar á regulación sobre os lobbies que se está a tramitar no Congreso dos Deputados antes de lexislar en Galicia.
Maribel Novo afirmou que o PPdeG “somos os que máis medidas e reformas adoptamos para unha maior transparencia” e lembrou que na pasada lexislatura aprobáronse cinco leis de rexeneración democrática: nova lei de transparencia, a reforma da Lei do Consello de Contas, a Lei de participación cidadá no Parlamento, a Lei de financiamento de partidos ou a Lei de servizos xurídicos da Xunta.
CINCO LEIS APROBADAS
Porén, apuntou que “non pechamos a porta a avanzar na mellora da transparencia porque o consideramos un camiño necesario, pero si o queremos facer con prudencia e rigor”. Neste sentido, Maribel Novo manifestou que “hai que adoptar as medidas necesarias para reforzar e lexitimar ao goberno e ás institucións para rachar coa percepción da corrupción sistemática”.
A deputada popular sinalou que neste momento estase a tramitar no Congreso dos Deputados, a instancias do Grupo Popular e por primeira vez en democracia, unha proposición de lei que definirá o estatuto xurídico dos grupos de interese, creará un rexistro público e obrigatorio, e determinará unhas normas de conduta que afectará aos grupos de interese inscritos nese rexistro.
“Desde o PPdeG, preferimos agardar a ver como queda regulada esta materia a nivel nacional antes de lexislar na Comunidade galega”, sinalou.