Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular logo dunha transacción co BNG, demandar ao Goberno central a creación dun novo xulgado do social en Lugo, sempre que a criterio da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior e a Xunta de Galicia se considere que existen as condicións obxectivas de necesidade para a súa posta en marcha. Ademais, solicitouse ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o nomeamento dun maxistrado de reforzo para os xulgados do social da provincia de Lugo.
Julia Rodríguez lembrou que a Xunta de Galicia non ten competencia para crear novos xulgados e concretou que se trata dunha competencia que lle corresponde ao Goberno do Estado. “De feito, o Ministerio de Xustiza comunícalle á Xunta de Galicia o número de unidades que é posible constituír en cada exercicio orzamentario, en función do número de unidades contempladas nos orzamentos do Estado”, explicou.
“Deste xeito e en función do número de unidades a crear, a Comisión Mixta formada pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza e a Xunta de Galicia fai una proposta de creación ponderando ese número de creacións e as necesidades obxectivamente mais urxentes”, engadiu.
A XUNTA AFRONTA O CUSTO
Julia Rodríguez lembrou que “a Xunta, cada cada vez que o Goberno Central crea novas unidades, afronta o custo que supón a posta en marcha dos xulgados que lle resultan asignados a Galicia”.
Na súa intervención, a deputada popular afirmou que o problema dos xulgados do social de Lugo “é de carácter conxuntural, derivado dunha serie de razóns ou situacións distintas que moitas veces fan que os órganos xudiciais sufran un incremento notable da carga de traballo e, por tanto, nos tempos de resolución dos asuntos”.
Á espera de que se proceda ao incremento da planta xudicial, o Parlamento acordou, a proposta do Grupo Popular, solicitar ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza “nomear un xuíz de apoio para os xulgados do social de Lugo, ante o que o Goberno galego autorizaría as medidas de apoio de persoal auxiliar e medios materiais para fornecer os novos postos de traballo”.
“Esta medida estase a adoptar noutros xulgados nos que os órganos de goberno do Poder Xudicial estiman oportuno abordar estes plans de apoio co correlativo nomeamento de xuíces de reforzo”, lembrou Julia Rodríguez.