Santiago, 6 de marzo de 2017.- O presidente de NNXX de Galicia, Diego Gago, anunciou hoxe a súa intención de presentar a súa candidatura ao Congreso nacional de Nuevas Generaciones que terá lugar o vindeiro mes de abril.
Xunto aos seus compañeiros de equipo de Novas Xeracións e logo de lembrar que leva 13 anos nesta organización, á que se sente moi agradecido, asegurou que non hai nada máis grande que poder liderar esta agrupación a nivel nacional.
“Preséntome con moita ilusión e responsabilidade”, aseverou mentres subliñaba que Nuevas Generaciones España necesita unha organización forte, viva, aberta e que poida englobar e acoller a todos aqueles que crean na sensatez, na tolerancia e no sentido común.
Tras sinalar que son a primeira organización política xuvenil en Galicia e en España, agradeceu o apoio recibido por parte do partido a nivel autonómico, que confía nel para que un galego lidere este proxecto a nivel nacional.
Así mesmo, destacou que a labor de oposición que exerce como concelleiro do PP en Vigo axudarao para trasladar con enerxía as necesidades dos máis novos.
Por último, avanzou que aínda queda todo un proxecto que presentar e que será colectivo e non individual. Gago apuntou que se tratará dun plan integrado por persoas de todas as partes do país, ás que trasladou a súa intención de contar con todas elas, xa que el mesmo é unha persoa accesible e “para facer un bo proxecto fai falta escoitar todas as sensibilidades”. Igualmente, manifestou que se esta aspiración sae adiante, “traballarei para facelo como eles esperan”.
O presidente de NNXX tamén informou que o seu compromiso a partir de agora será visitar todas as comunidades autónomas de España e o maior número posible de provincias.