Santiago, 17 de marzo de 2017.- O número de galegos nados en Galicia e residentes no Exterior reduciuse de 2015 a 2016 en 540 persoas, segundo explicou hoxe Raquel Arias no Parlamento de Galicia.
A deputado popular aclarou que “unha cousa é o número que reflexa as altas no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro e outra cousa distinta as persoas que emigran”. Así, segundo dixo, “o que si aumentou foi o número de galegos xa nados no exterior, é dicir, os cidadáns que xa residían fóra, pero que adquiriron a nacionalidade pola Lei de Memoria Histórica, e os fillos de galegos da diáspora”.
EMPREGO XUVENIL
“Tres de cada catro galegos residentes no estranxeiro son xa nados na diáspora”, enfatizou Arias, e “esa é a razón pola que a política exterior do Goberno galego diríxese non só aos galegos emigrados senón tamén aos galegos residentes no exterior, xa que, de non ser así deixariamos fora desas políticas ó 70 por cento dos galegos”.
Arias tamén salientou que o emprego xuvenil “é unha prioridade” para o Goberno galego e que, con ese obxectivo, “traballa para crear máis e mellores empregos”.
Aínda que fuxindo de triunfalismos, os resultados destas actuacións son positivos. A realidade é que o número de parados entre os menores de 30 baixou ao 16,6 por cento no último ano, igualando a taxa existente hai 6 anos; aumentou a cifra de ocupados nun 3,40 por cento e os contratos indefinidos neste colectivo achegáronse ao 20 por cento.
LIÑAS DE AXUDA
A deputada popular lembrou, así mesmo, as liñas de axuda habilitadas pola Xunta. Neste punto, referiuse ás achegas para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade galega dos galegos retornados e que, segundo matizou, son compatibles con axudas doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou o IGAPE, para autónomos e emprendedores galegos, residan onde residan.
Tamén ás axudas extraordinarias para o retorno e mesmo das bolsas excelencia mocidade exterior, especificamente dirixida aos universitarios galegos residentes no exterior.
Raquel Arias concluíu asegurando que os galegos retornados teñen os mesmos dereitos que o resto de cidadáns de Galicia no acceso ás axudas en materia de vivenda, asistencia inmediata en materia sanitaria ou bolsas de traballo.