Santiago, 4 de abril de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, rexeitou este martes unha moción dos socialistas nas que se instaba a derrogar as reformas en materia de emprego “que permitiron que España e Galicia saísen da crise”.
“Vostedes fixeron unha reforma laboral que era tan boa que no último ano que gobernou Zapatero destruíronse 600.000 empregos”, subliñou, para recordar que coa actual lexislación laboral España está a crear 500.000 postos de traballo ao ano.
MELLOR COMPORTAMENTO EN GALICIA
Na súa intervención, Tellado ironizou co feito de que “as solucións que teñen os socialistas para o desemprego xuvenil son a creación dun observatorio e recuperar a situación de 2011”. Pola contra, quixo poñer en valor o mellor comportamento do paro xuvenil de Galicia fronte ás cifras de comunidades gobernadas polo PSOE, coma Andalucía, onde son ata 15 puntos maiores ca na nosa Comunidade.
Ao remate da súa intervención, Tellado reprochoulle á oposición que “queren ter os salarios de Suíza, pero propóñennos a lexislación laboral de Grecia; queren ter a taxa de paro xuvenil de Alemaña, pero propóñennos o modelo económico de Andalucía; e veñen aquí a dicirnos que o seu exemplo é o de Dinamarca, pero tan pronto se rasca un pouco resulta que o exemplo realmente é Venezuela”.