Santiago, 11 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe o proxecto de lei de impulso ao crecemento e reforzo do gasto social, que permitirá á Xunta de Galicia dispor de 230 millóns de euros para destinalos ao incremento do gasto social, aumentar o investimento para o crecemento económico e para aplicar a suba máxima do 1 por cento autorizada pola Administración central do salario dos empregados públicos, con efectos retroactivos ao mes de xaneiro.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, explicou que este proxecto de lei “debátese hoxe no Parlamento galego por tres causas principais: política, logo de que en España se desbloqueara unha situación que motivou a ausencia de orzamentos; xurídica, para o cumprimento da Lei de estabilidade orzamentaria, xa que se modifica substancialmente a capacidade de gasto da Comunidade galega, nunha cantidade que excede o teito de gasto; e económica, porque a economía vai ben, medra e hai máis recursos para facer cousas”.
Puy considerou unha “magnífica noticia que a economía vaia mellor do que se prevía a finais do pasado ano” cando se iniciou a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2017. En concreto, lembrou que “crecemos dúas décimas máis que a media española, temos o maior superávit comercial da economía española, o paro baixou por debaixo das 190.000 persoas por primeira vez desde 2008, as afiliacións á Seguridade Social seguen incrementándose e a contratación en xeral sobe un 11 por cento, con especial referencia á contratación indefinida e a tempo completo”.
“Estamos ante un incremento das posibilidades do gasto para a Xunta resultado do incremento da recadación que se produce despois de que o PP fixera en España serias reformas fiscais”, asegurou Pedro Puy, quen recordou as malos presaxios que no seu momento aventuraron os grupos da oposición sobre estas medidas económicas.
O portavoz popular sinalou que este proxecto de lei “amosa a coherencia do Goberno galego na súa política económica, xa que é unha proposta continuista co Plan económico-financeiro, co Plan Estratéxico e cos orzamentos para 2017 aprobados neste Parlamento”.