Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno de España para que incremente as posibilidades de emprego do superávit por parte dos concellos, dentro dos límites marcados pola Constitución e a normativa europea de estabilidade orzamentaria.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou que o Goberno central flexibilizou para este ano 2017 a posibilidade de reinversión do superávit dos concellos a través dunha disposición adicional á Lei de orzamentos do Estado, permitindo que a parte do gasto autorizado en 2017 para un proxecto de investimento que non se execute, poida comprometerse e recoñecerse no exercicio de 2018.
UNANIMIDADE NA SOLICITUDE
Porén, Prado indicou que “existe unanimidade nos concellos galegos, e no resto de concellos de España, en que a normativa debe ser máis flexible á hora da reinversión do superávit”, ante o que a Xunta de Galicia xa se ten amosado favorable a que o Goberno de España, respectando sempre os seus compromisos internacionais, permita un emprego máis flexible dese superávit.
Paula Prado recoñeceu “o importante esforzo” realizado polos concellos para controlar o seu orzamento, xerando un superávit de 2.747 millóns de euros en 2015 e outros 7.000 millóns de euros en 2016. “Este superávit estase a destinar basicamente a amortizar débedas coas entidades bancarias e para inversións financeiramente sostibles nos termos e nas exclusivas materias recollidas na lexislación vixente”, apuntou.
“Esta limitación de materias fai que en ocasións, a pesar de dispor de financiamento, os concellos non poidan levar a cabo determinadas actuacións por non atoparse recollidas no listado pechado da disposición adicional aprobada polo Goberno central”, manifestou.