Santiago, 26 de setembro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, salientou hoxe que “o verdadeiramente importante da implantación da primeira fase do novo plan de transporte público é que non houbo nin un só día sen servizo no rural, a pesar da renuncia das empresas a case 600 liñas”.
Fernández Prado lembrou que a Xunta “xa está elaborando dun xeito participativo e exhaustivo, con rigor técnico e ampla participación social, o novo plan de transporte público”, polo que “as conclusións e achegas da comisión parlamentaria que agora demanda En Marea chegarían tarde para a súa posible incorporación”.
Na súa intervención, o portavoz popular considerou “normal que poida aparecer algunha incidencia, que se está a resolver de xeito rápido e efectivo” desde a Xunta de Galicia. Ademais, dixo que “nos concellos que se involucraron e fixeron as súas solicitudes se mellorou o transporte sobre a situación anterior e solventáronse os desaxustes dun xeito rápido”.