Santiago, 22 de novembro de 2016.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, reiterou hoxe que “a asistencia sanitaria en Galicia e, por suposto, no Hospital Álvaro Cunqueiro, é cen por cen pública e gratuíta, prestada por profesionais do Servizo Galego de Saúde e xestionada desde este mesmo organismo”, como o poden certificar os máis de 465.000 pacientes atendidos en consultas ou as cerca de 300.000 estadías de hospitalización. Porén, indicou que “o seu rescate, como propoñen os grupos da oposición, si implicaría detraer fondos doutras partidas necesarias para o bo funcionamento do sistema, comprometendo a posibilidade de investimento en áreas de relevancia para a sanidade galega”.
Núñez Centeno indicou que desde a posta en funcionamento do Hospital Público Álvaro Cunqueiro “moitos cidadáns de Vigo teñen acudido ao centro e xa coñecen as súas instalacións, os seus servizos e a importante melloría para a asistencia sanitaria que representou a inauguración desta grande infraestrutura”.
En concreto, lembrou que na actualidade as novidades sobre este hospital público son a unidade de sono máis moderna e estruturada de Galicia; a unidade de ondas de choque do Servizo de Rehabilitación, a máis avanzada de Galicia; a primeira área específica para coidados postcirúrxidos infantís de Galicia; os avances tecnolóxicos do servizo de obstetricia e xinecoloxía; os programas de humanización do embarazo; a nova cápsula endoscópica do Servizo Dixestivo; a unidade de ictus e as trombectomías; a unidade de psicoxeriatría, e a de lesionados medulares; as máis de 13.000 cirurxías realizadas; ou as case 200.000 urxencias atendidas no novo hospital público.
CUMPRINDO UNHA LEI SOCIALISTA
“É público, sendo propiedade do SERGAS e, polo tanto, dos vigueses e do resto dos galegos”, incidiu o portavoz popular, quen lembrou que se fixo “cun modelo de colaboración público-privada, cumprindo a Lei estatal de contratos do sector público elaborada por un Goberno socialista”.
Neste sentido, Aurelio Núñez sinalou que “pode ou non gustarlle á oposición o modelo elixido para a construción e posta en marcha do Hospital Público, pero non poden cuestionar a súa legalidade ou a transparencia na súa tramitación, xa que contou con todos os informes favorables dos técnicos da mesa de contratación, da Asesoría Xurídica e da Intervención”.
“Hoxe, Vigo ten un hospital público novo, con moi boa dotación en persoal e tecnoloxías; de presente e de futuro; cun deseño arquitectónico flexible; e con reservas de espazo para acoller o crecemento dos servizos e para adaptarse ás futuras necesidades”, subliñou.