Santiago, 3 de decembro de 2016.- Con motivo da celebración do Día internacional das persoas con discapacidade, o Grupo Popular rexistrou hoxe unha proposición non de lei a través da que insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha un plan de adaptación e supresión de barreiras arquitectónicas.
A iniciativa do Grupo Popular lembra que durante a pasada lexislatura se fixeron dous avances moi importantes no apoio institucional ás persoas con discapacidade. En primeiro lugar, procedeuse á actualización da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras de Galicia para adaptala á realidade actual e ás directrices internacionais e estatais. Este novo texto foi consensuado coas entidades sociais e asociacións e persoas con discapacidade, os colexios profesionais e os concellos a través da Fegamp.
LIÑAS DE AXUDAS PARA OS CONCELLOS
Esta normativa busca que a accesibilidade sexa universal e incorpora medidas no ámbito da comunicación co fin de superar tamén as barreiras que son menos visibles, facendo especial fincapé en eidos como as TICs ou as telecomunicacións. Ademais, establece un novo réxime de sancións para protexer os dereitos das persoas con discapacidade; incrementa a porcentaxe de reserva de vivendas adaptadas, pasando do 3 ao 4 por cento; fomenta a formación de profesionais especializados nas distintas administracións públicas, como son os intérpretes de lingua de signos; e garante o número de prazas de estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida.
460 MEDIDAS NA ESTRATEXIA SOBRE DISCAPACIDADE
En segundo lugar, aprobouse a Estratexia galega sobre a discapacidade 2015-2020, que contén 460 medidas para mellorar a atención á discapacidade desde ámbitos de actuación concretos e vitais; a autonomía persoal; a educación, co fin de que dispoñan dunha aprendizaxe e formación permanente en igualdade de condicións que o resto da poboación; a formación e o emprego, para favorecer o seu acceso ao mercado de traballo; e a saúde, para ofrecerlles unha asistencia sanitaria específica.
Tanto a Lei como a estratexia fan un especial fincapé na posta en marcha polas distintas administracións de plans de adaptación e supresión de barreiras. En consecuencia, e como o seguinte paso lóxico trala aprobación de Lei e Estratexia, o Partido Popular de Galicia incorporou no seu programa electoral o compromiso da posta en marcha dun plan de eliminación de barreiras, un compromiso que agora se leva adiante coa proposición non de lei rexistrada polo Grupo Popular.