Santiago, 27 de decembro de 2016.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, tendeu este martes a man aos grupos da oposición para acadar amplos consensos en materia de pobreza enerxética. Malia que cualificou a moción presentada polos socialistas de “superada pola realidade”, dado o acordo asinado no Congreso a pasada semana para evitar os cortes de subministro aos consumidores vulnerables, Tellado propuxo tomar este pacto como base para traballar en novas medidas enfocadas á protección destes usuarios.
Deste xeito, Miguel Tellado lembrou que, cando o novo acordo entre en vigor, as comercializadoras eléctricas deberán avisar cando reciban unha falta de pagamento e darlle catro meses de marxe antes de que se considere o corte do subministro. As empresas deberán poñerse en contacto coa Administración autonómica para que se diagnostique a situación do consumidor e, se fose o caso, financiar a atención ás súas necesidades. “O Decreto vai encamiñado a establecer un sistema ben definido de loita contra a pobreza enerxética, e a mellora das prácticas das comercializadoras, dous obxectivos que deberían compartir todos os grupos”, resumiu Tellado.
O viceportavoz popular instou aos socialistas galegos a que continúen coa vontade de acordo nesta materia do PSOE, e lembrou que o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, gabou recentemente as medidas aprobadas polo ministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal.
SOLUCIÓNS, TRABALLANDO
No mesmo sentido, Tellado reprochoulle a En Marea que non se quixesen sumar ao acordo no Congreso, así como que en Galicia “non fagan nin unha soa proposta construtiva” e lembroulles que “os problemas dos cidadáns soluciónanse traballando, e non sacando pancartas”.
“Vostedes en Madrid están máis preocupados por facerlle escraches a Íñigo Errejón en Twitter, e en Galicia de se son partidarios de Luís Villares ou de Xulio Ferreiro, pero cando gobernan non son capaces nin de conceder uns comedores escolares”, concluíu.