Santiago, 8 de outubro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo afirmou hoxe no Parlamento que a Consellería de Sanidade está traballando no Plan de saúde mental de Galicia post Covid-19, “que establece para o período 2020-2024 un total de 98 proxectos dirixidos á prevención da aparición de problemas de saúde mental na poboación galega e establecer melloras na asistencia socio-sanitaria ás persoas que padecen un trastorno mental e aos seus familiares”.
?️O @ppdegalicia apoia no @Par_Gal a presentación do Plan de Saúde Mental de Galicia neste período de sesións, @EncarnaAmigoSER recorda o Plan aprobado polo Consello da @Xunta para o período 2020-2024 con 98 proxectos dirixidos á prevención e asistencia socio-sanitaria pic.twitter.com/Z5QvmR9gse
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 8, 2020
No debate dunha proposición de lei do BNG sobre a presentación do Plan de saúde mental, Encarna Amigo lembrou que esta iniciativa “xa foi aprobada polo Goberno galego no Consello celebrado o pasado 26 de xuño, un plan esperado tanto por asociacións como por profesionais”.
TRABALLO COORDINADO
Segundo se avanzou naquel momento, este plan conta cun orzamento de 83 millóns de euros e ten como obxectivo incrementar o número de profesionais e de dispositivos asistenciais, así como o desenvolvemento de programas para a recuperación das persoas con trastornos mentais severo e fomentar a investigación en estas patoloxías.
Encarna Amigo sinalou que “estase traballando, de maneira coordinada e ordenada, na elaboración dun Plan de saúde mental conscientes de que estamos vivindo cambios sociais moi rápidos e tendo presente que as condicións de traballo estresantes, a discriminación de xénero, a exclusión social, os estilos de vida pouco saudables, o baixo nivel educativo, a violencia ou a mala saúde física son factores de risco para o desenvolvemento de trastornos mentais”.
“Nestes momentos que nos toca vivir, inmersos nunha pandemia con consecuencias imprevisibles en moitos ámbitos das nosas vidas, é importante valorar a pegada psicolóxica e social que esta situación deixará na maioría da poboación”, manifestou a deputada popular.