Santiago, 11 de novembro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, demandou hoxe no Pleno do Parlamento que o reparto dos fondos europeos “serio e obxectivo, que respecte ás comunidades autónomas, que son as que mellor coñecen as súas necesidades; que sexa xusto e evite a discrecionalidade á que nos ten habituados Pedro Sánchez; e que axude a paliar as desigualdades estruturais, que afondan os danos sociais e económicos desta pandemia”.
Neste sentido, anunciou que o Grupo Popular levará a un próximo Pleno unha proposición non de lei demandando ao Goberno central un sistema de reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade; que teña en conta os principios de subsidiariedade e goberno multinivel; de concorrencia competitiva; e de cohesión social e territorial.
Miguel Tellado incidiu que “non nos fiamos do Goberno socialista”, polo que manifestou que “temos que asegurarnos de recibir os fondos europeos que necesitamos para impulsar a recuperación social e económica do noso país e temos que garantir que o Goberno socialista non utiliza os recursos que nos corresponden como moeda de cambio para os seus favores políticos, como intenta facer cos presupostos xerais do Estado”.
Neste sentido, considerou “normal que non nos fiemos porque o Goberno de Pedro Sánchez deixou tirada a Galicia en cada oportunidade que tivo, negouse a transferir os 200 millóns de euros das mensualidades pendentes do IVE de 2017, así como a transferir a Galicia os 170 millóns de euros polo bo desempeño fiscal dos anos 2017 e 2018; e acaba de presentar o investimento do Estado en Galicia máis baixo dos últimos quince anos”.
VOCACIÓN DE MENSAXE UNÁNIME
No debate dunha proposición non de lei do BNG, á que o Grupo Popular presentou unha emenda que non foi aceptada, Tellado avanzou que “este mesmo texto xa o rexistramos para o seu debate nun próximo Pleno, coa vocación de que enviemos ao Goberno de España a mensaxe unánime de que Galicia debe recibir as axudas que lle correspondan”.
O viceportavoz popular explicou que “defendemos uns criterios de reparto claros, marcados pola transparencia e a obxectividade, baseados en tres principios”. “En primeiro lugar, o principio de subsidariedade e a gobernanza multinivel, porque consideramos fundamental que as comunidades autónomas participen na definición dos criterios de reparto e, sobre todo, que os coñezan”, dixo.
En segundo lugar, Tellado referiuse ao principio de concorrencia competitiva, para “disipar calquera risco de discrecionalidade ou arbitrariedade no proceso”. En concreto, apuntou que “deben establecerse uns criterios serios, transparentes e obxectivos que permitan presentar proxectos viables, que se valoren pola súa calidade e sen atender a criterios políticos”.
Por último, en terceiro lugar, Miguel Tellado defendeu o principio de cohesión social e territorial, “porque debemos compaxinar a concorrencia competitiva cun mapa de axudas coherente coa realidade dos diferentes territorios”. Deste xeito, a distribución tería en conta factores como os niveis de renda per cápita, a porcentaxe de poboación que vive no rural, o reto demográfico ou a transición industrial, “todos eles retos que non inventamos en Galicia senón que están recomendados pola Unión Europea”.