Iniciativa sobre a demanda para o aumento das cotas de pesca do bonito no Atlántico norte e alongamento da duración da campaña
Todos os anos, habitualmente durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, desenvólvese a campaña do bonito, na que participan preto de 300 barcos, moitos deles procedentes dos principais portos pesqueiros de Galicia.
Sen embargo, a campaña deste ano rematou antes do esperado polo sector, o pasado
19 de agosto, logo de que o Ministerio de Agricultura e Pesca dera orde de pechar a pescaría do atún branco ou bonito do norte, ao terse consumido a cota deste ano.
Estamos ante a campaña máis curta da historia do bonito do norte, ao ser 9 días máis curta ca do ano pasado, un feito que enfada ao sector boniteiro, un malestar que se agranda ao terse constatado abundancia do recurso. Lonxe quedan aquelas campañas do bonito que chegaban ata o outono.
A cota do bonito española segue a ser insuficiente e, aínda que se prevé unha ampliación para o vindeiro ano, no sector cren que se quedará tamén curta.
Unhas pésimas perspectivas para uns barcos que xa acumulan unha campaña en circunstancias moi complexas tanto pola situación do mercado como das limitacións pola pandemia sanitaria.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia dirixirse ao Goberno central para:
1. A realización de estudos que conduzan a acreditar, diante de ICES e ICCAT, o bo estado do stock de bonito do norte e, conseguintemente, a un aumento do TAC asignado a esta especie no Atlántico norte.
2. A negociación e adopción de medidas de xestión que permitan, no marco disposto por ICCAT e da normativa europea sobre TAC e cotas, poder estender a duración da campaña e a rendibilidade económica da campaña do bonito.”