Santiago, 13 de novembro de 2020.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou hoxe no Parlamento que “está expresamente prohibido a implantación de novos parques eólicos e restrinxida a repotenciación dos parques eólicos nun espazo pertencente a Rede Natura 2000”.
Marta Nóvoa incidiu que o Goberno galego “non outorgará ningún permiso eólico que non logre unha absoluta compatibilidade ambiental e unha total integración territorial e social”.
AVALIACIÓN IMPACTO AMBIENTAL
Reiterou que “non está permitido instalar parques eólicos en Rede Natura e, ademais, estas instalacións están suxeitas a avaliación de impacto ambiental”.
A portavoz popular explicou que a tramitación destes parques eólicos “inclúen un proceso de participación pública no que se reciben e se toman en consideración as alegacións presentadas polos interesados”. “Son proxectos que se analizan de forma pormenorizada, exhaustiva e con rigor antes de emitir a resolución”, apuntou.