Santiago, 22 de decembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo afirmou hoxe no Pleno que o Goberno galego “opta pola acción antes que por facer unha declaración de intencións” respecto da emerxencia climática, porque “o que toda agora é apostar pola acción e traballar unidos e sen fisuras para lograr a neutralidade climática”.
Rubén Lorenzo comezou a súa primeira intervención no Pleno do Parlamento galego amosando o seu “profundo pesar por todas as vidas de galegos e galegas que nos deixaron a consecuencia da Covid-19”, ao tempo que trasladou o seu “máis sentido pésame á familia do percebeiro de Laxe Francisco Lema Rodríguez, quen o pasado 14 de decembro perdía a vida cando faenaba na Pedra do boi, próxima ao faro de Laxe”.
COMPROMISO CON FEITOS
No debate dunha moción do PSdeG sobre a declaración da emerxencia climática, o deputado popular lembrou que “xa temos declaracións deste tipo en España e, se o obxectivo desta proposta é o compromiso de accións políticas públicas coa acción climática, non é necesaria en Galicia, porque aquí xa se ven demostrando con feitos este compromiso”.
Así, sinalou que “boa mostra disto é a aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, un documento elaborado para dirixir e guiar a acción climática de todo o Goberno galego e da sociedade no seu conxunto co obxectivo de acadar a neutralidade climática en Galicia antes de 2050”.
“Tamén se aprobou o Plan rexional integrado de enerxía e clima 2019-2023, o primeiro plan de desenvolvemento da Estratexia que inclúe 170 medidas que abranguen a todos os departamentos da Xunta de Galicia con competencias relacionadas co cambio climático e que supón un investimento de 1.250 millóns de euros”, engadiu.
Ademais, Rubén Lorenzo dixo que a Xunta destinou en 2020 máis de 20 millóns de euros para levar a cabo medidas de impulso de políticas de acción climática a nivel local, como a Oficina técnica creada para fomentar a adhesión de todos os concellos de Galicia ao Pacto de Alcaldes para o clima e a enerxía.