Iniciativa sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central da transferencia a Galicia das competencias para a xestión do dominio público marítimo-terrestre
Galicia conta con 2.091 quilómetros de perímetro costeiro insular e peninsular, sendo a comunidade con máis territorio costeiro. Por esta razón, a comunidade galega leva solicitando ao Goberno central desde 2009 o traspaso das competencias en materia de xestión do dominio público marítimo terrestre.
Principalmente, reclámase esta xestión porque se trata dun territorio que ten unha especial vinculación con materias que xa son actualmente de competencia autonómica, como son a regulamentación urbanística, a construción de portos ou o control de vertidos na costa.
Ante a existencia de dous niveles administrativos diferentes nesta zona, considerase imprescindible continuar reclamando ao Estado o traspaso a Galicia das competencias para a xestión do dominio público marítimo terrestre.
O obxectivo desta reclamación é acadar unha mellor prestación do servizo público, facéndoo a través dunha xestión de proximidade e cun coñecemento máis detallado da
nosa realidade costeira, refrendada coa aprobación do Plan de Ordenación do Litoral.
Tendo en conta isto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España o traspaso a Galicia das competencias para a xestión do dominio público marítimo terrestre”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001108