Santiago, 16 de marzo de 2021.- O Grupo Popular insistirá no Pleno da vindeira semana na esixencia ao Goberno central o encargo da construción dun buque de acción marítima (BAM) para a Armada Española que dea carga de traballo inmediata nos estaleiros de Navantia en Ferrol. Así mesmo, solicitará ao Goberno de España a redución do IVE do 21 ao 10 por cento en todas as prestacións de servizos deportivos e de actividade física.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para informar das previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento, así como as iniciativas desenvolvidas en relación coa evolución da Covid-19.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, Puy informou que o Grupo Popular insistirá na necesidade de que o Goberno central encargue aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun buque de acción marítima para a Armada Española, que dote de carga de traballo inmediata tanto á plantilla do estaleiro como á industria auxiliar.
“Seguimos igual, porque o Goberno central non fixo nada desde que o Goberno de Mariano Rajoy incluirá unha partida de 250 millóns de euros nos orzamentos de 2018 para as fragatas F-110”, sinalou o portavoz popular, quen lamentou que “a incerteza permanece e o adiamento do inicio da construción das fragatas pon en risco que haxa unha paralización total da actividade”.
?️A incerteza en Ferrol permanece, sigue adiándose o inicio das fragatas e hai o risco de paralización total de actividade , o @ppdegalicia insistirá no Pleno en pedir que haxa traballo nas gradas do estaleiro @PP_Ferrol @JoseManuelRey @DiegoCalvoPouso @Mtelladof pic.twitter.com/zWvkK7WpQa
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) March 16, 2021
REBAIXA DO IVE AO DEPORTE
En segundo lugar, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España unha modificación lexislativa co obxectivo de reducir o IVE, do 21 ao 10 por cento, en todas as prestacións de servizos deportivos e de actividade física prestados a persoas físicas.
Pedro Puy afirmou que o sector da actividade física e deportiva “tamén se está a ver moi afectado pola crise epidemiolóxica da Covid-19”. Neste sentido, fixo referencia ao estudo do Observatorio Fundación España Activa no que se pon de manifesto que o sector sufrirá perdas próximas ao 40 por cento e que a regulación do emprego acadaría a máis do 70 por cento do persoal en nómina.
“O conxunto do sector precisa axudas e por iso a Xunta incluíu axudas no segundo plan de rescate para eles, pero unha boa decisión sería que o Goberno central baixase o IVE que soportan para a prestación de servizos deportivos e actividades físicas”, apuntou.
?O sector de servizos deportivos precisa de apoio, entre as medidas de activación do sector para a súa recuperación polos efectos da covid e posta en marcha cara ao futuro o @ppdegalicia defenderá no Pleno a baixada do IVE do 21 ao 10% para prestación de servizos deportivos pic.twitter.com/lE54yDhwFk
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) March 16, 2021
COLABORACIÓN COS CONCELLOS E INSEGURIDADE LITORAL
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase no Pleno polo balance do convenio asinado coa Fegamp para articular a realización de actuacións auxiliares e de colaboración na tramitación dos procedementos sancionadores competencia dos concellos relacionadas co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a Covid-19.
Así mesmo, o Grupo Popular interesarase pola valoración do Goberno galego sobre as implicacións que supón para a Comunidade galega a formulación do artigo 18 do proxecto de Lei de cambio climático, que introduce importantes modificacións para as concesións no dominio público marítimo terrestre, creando inseguridade xurídica para as industrias conserveiras e depuradoras que desenvolven a súa actividade neste espazo.