Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas vindeiras convocatorias de axudas para os grupos de desenvolvemento rural
Os Grupos de Desenvolvemento Rural, coloquialmente coñecidos como os GDR, son unidades potencialmente necesarias para lle facer fronte aos retos do futuro desde os propios núcleos rurais.
Estas entidades posúen unha dinámica participativa e unha dilatada experiencia na xestión do desenvolvemento e dinamización dos territorios rurais, polo que a súa implicación e colaboración son decisivas para concretar medidas a prol da reactivación económica e social do noso agro, dentro do seu ámbito de actuación, sobre todo no contexto no cal nos atopamos e de cara a superar as dificultades provocadas pola emerxencia sanitaria xerada pola pandemia da covid-19.
Estas asociacións dependen da Dirección de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, e atópanse no propio territorio, o que as converte en instrumentos esencias para a promoción das dinámicas de traballo participativas, a través das cales resulta máis doado implicar a toda a sociedade na toma de decisións. Ademais, os 24 GDR de Galicia atópanse espallados por todo o territorio, abranguendo a totalidade do nosos medio rural, atopándose reflexados neles todos os axentes socioeconómicos de cada zona interesados e preocupados no seu desenvolvemento.
Polo tanto, estamos a falar de valiosas ferramentas para facilitar procesos de cambio no rural, buscando a innovación e a súa dinamización, coa implementación de actuacións que contribúan ao desenvolvemento rural de xeito transversal.
Neste senso, a principal función dos GDR está na aplicación das estratexias europeas de desenvolvemento local participativo a través do denominado programa Leader, o cal leva investido xa, só por medio de tres convocatorias, practicamente a totalidade da súa dotación para proxectos e gastos de funcionamento.
Ademais, neste ano 2020 prevese que a execución estea por riba do 80%. O ritmo de execución é antecedente do esgotamento do crédito na actual convocatoria 2020/2021 da medida Leader, causa directa do peche dos GDR, polo menos ata a apertura do novo período Feader, que se prevé para 2023.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que nas próximas convocatorias de axudas dirixidas aos Grupos de Desenvolvemento Rural se inclúan novos criterios que poñan en valor a recuperación económica e social en cuestións derivadas da incidencia que está tendo a covid19, a protección da saúde, ou mesmo a posibilidade de aplicar as novas ferramentas que contemplará a nova Lei de Recuperación de Terra, axudando deste xeito á actualización das diferentes estratexias de cada GDR.”
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001311