Santiago, 26 de maio de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento de Galicia a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se rexeita o cobro das peaxes nas autovías de titularidade estatal proposto polo Goberno Central nas últimas semanas e que afectaría a 4.000 quilómetros de vías públicas en Galicia.
O portavoz popular de Infraestruturas, Diego Calvo, asegurou que esta medida é “inaceptable” por moitas cuestións, pero no caso dos galegos tamén por tratarse dunha rexión periférica que, ao propoñerse o pago por quilómetro percorrido, sería “claramente discriminatorio o seu cobro pois os galegos temos que desprazarnos máis pola nosa situación xeográfica”.
Durante o debate, o deputado popular lembrou que a maior parte dos países europeos están a rebaixar impostos e reducir gastos para superar a crise económica derivada da pandemia sanitaria. “Aquí, en cambio, o chamado goberno progresista fai todo o contrario: aumenta de xeito continuo os gastos dos seus 22 ministerios e sube os impostos á clase media”, criticou.
Fixo fincapé tamén na difícil situación na que queda o sector do automóbil, que xa paga impostos dabondo como o imposto de circulación, de matriculación, o IVE, o dos carburantes ou a taxa por aparcamento, para ver agora, tamén, como se pretende cobrar pola mobilidade, tan necesaria para traballar e que prexudicará a moitos traballadores autónomos e do sector dos transportes.
“E o PSOE actúa como fai sempre. Lanza un globo sonda, espera reaccións e intenta enganar á poboación cando todos sabemos que o único que busca é seguir recadando para pagar os seus gastos”, censurou Calvo, que alertou de que “non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo”.
REXEITAMENTO DO BNG A BONIFICAR AS PEAXES DA AP-9
O PPdeG propuxo un acordo para que o Goberno Central aplique “canto antes” as bonificacións prometidas para a AP-9 e a convocatoria urxente da comisión de transferencias, algo ao que se opuxo o BNG. Por iso, o deputado popular acusou aos nacionalistas de “ser iguais ao PSOE” e “preocuparse máis polos asentos nas institucións nas que gobernan xuntos que polos intereses reais dos galegos”. “Se tanto lle preocupan os intereses de Galicia e tan mal está actuando o Goberno do PSOE, rompan os acordos con eles”, espetoulle o popular ao portavoz do BNG.
A transferencia da AP-9 á Xunta leva bloqueada no Congreso desde que se adoptou o acordo de cesión o 2 de febreiro. “Ata en 13 ocasións foi retrasada a comisión que debe decidir”, lembrou Calvo, que abriu a posibilidade de pensar que o Goberno do PSOE agarda a bonificar os traxectos na AP-9 ata poder cobrar nas autovías públicas estatais. “O dito, que só queren recadar e seguir subindo impostos aos galegos”, concluíu.