Santiago, 3 de xuño de 2021.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez salientou hoxe no Parlamento galego que o Concello de Punxín dispón, desde o pasado 27 de maio, de 1.632 horas novas para a atención das catro persoas incluídas no programa de axuda no fogar e que carecían deste servizo.
Noelia Pérez concretou que o Concello de Punxín tiña asignadas a comezos de 2021 un total de 7.224 horas anuais, e coa ampliación realizada chega ata as 8.856 horas anuais. “Este incremento é consecuencia da solicitude realizada polo alcalde á Consellería de Política Social para poder atender a todas as persoas que estaban no programa de asignación de recurso e que non podían gozar deste servizo pola falta de horas concedidas”, sinalou.
“Esta é unha demostración máis de que a este Goberno galego lle preocupan e lle ocupan os maiores, e está aberto a calquera iniciativa construtiva que lle chegue, porque entre todos podemos sumar e entre todos podemos arranxar as eivas e mellorar, porque o obxectivo último é sempre a mellora de vida dos cidadáns”, engadiu.