Santiago, 19 de xaneiro de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro afirmou hoxe no Parlamento galego que a Xunta está disposta ao traslado das súas instalacións na marisma do Alba en Pontevedra, pero apuntou que “corresponde ao Concello ou á administración titular destes terreos ofertar á administración galega unhas novas dependencias, nun emprazamento consensuado e asumindo os custes de construción e traslado”.
José Manuel Balseiro criticou que o Concello de Pontevedra “anunciara a bombo e prato que quere recuperar todas as concesións en terreos de costa, incluídas as da xunqueira de Alba, pero quere facelo aplicando a lei do mínimo esforzo: pedindo ás empresas e administracións que renuncien ás súas concesións a cambio de nada e sen presentar un plan de alternativas”.
EN PLENO USO E APROVEITAMENTO
Neste sentido, o deputado popular lembrou que a Xunta conta na marisma de Alba cunha nave para diversos servizos e para almacén de maquinaria e vehículos “en pleno uso e aproveitamento, do mesmo xeito que nestes terreos tamén están presentes a deputación e a Administración Xeral do Estado, con naves de Costas e outras instalacións da Dirección Xeral de Trafico”.
“A Xunta non se opón ao traslado da xunqueira de Alba, pero o que non consideramos conveniente é que teña que ser a Administración galega quen lidere ese proceso”, manifestou Balseiro. Por este motivo, incidiu que corresponde ao Concello de Pontevedra ou á administración titular dos terreos da marisma propoñer un novo emprazamento consensuado coa Xunta para as súas instalacións, asumindo os custos de construción e traslado”.
José Manuel Balseiro asegurou que “nin o convenio asinado entre a Xunta e Concello, nin a figura de protección ambiental que existe nesa zona obriga a poñer fin a eses usos, nin dar por caducadas esas concesións”.