Santiago, 16 de marzo de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, demandou hoxe no Parlamento galego a elaboración dun plan de sensibilización, divulgación e formación para rapaces e homes no ámbito da corresponsabilidade, co obxectivo de fomentar a participación dos homes nas tarefas domésticas e de coidado, así como promover a realización de campañas e guías para fomentar os valores igualitarios na sociedade e, especialmente, entre os homes.
Paula Prado manifestou que “a muller tense incorporado ao mercado laboral de forma plena pero o que non ten sucedido é á inversa: os homes non se teñen incorporado ás tarefas domésticas e de coidado na mesma medida”.
CAMIÑO LONGO
“Esta situación provoca un desequilibrio que leva en moitos casos á dobre xornada das mulleres e ás dificultades de conciliación, e iso repercute en que as mulleres se acollan á redución da xornada laboral, a que elixan traballos de media xornada ou en condicións laborais máis precarias para poder dedicarlle tempo ao coidado da familia”, apuntou.
Por este motivo, sinalou que “precisamos que a outra metade da sociedade, é dicir, os homes, se impliquen e se corresponsabilicen con estas tarefas, para o que é preciso que talleres, obradoiros, charlas e programas dirixidos a acadar a plena igualdade se destinen a un público masculino”.
A viceportavoz popular asumiu que “o camiño da igualdade é un camiño longo e queda moito por facer, pero non partimos de cero e consideramos oportuno seguir sumando esforzos na implicación dos homes na consecución da igualdade real”.