Colaboración dos concellos con Portos de Galicia no control da práctica da pesca recreativa nos peiraos dos seus municipios
No DOG do 6 de agosto de 2021 Portos de Galicia publicaba a resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aprobaba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias e o procedemento de declaración responsable para a súa práctica en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
Tralo reporte recibido por parte dos afeccionados, colectivos e institucións ao respecto da posta en práctica da normativa, Portos de Galicia establecerá nunha nova resolución as condicións para habilitar máis espazos dentro do terreo portuario para esta actividade. Estas modificacións téñense establecido tras unha profunda análise da compatibilidade desta práctica coas actividades portuarias, sempre procurando previr posibles accidentes que, en ocasións, están vinculados a actividades non portuarias, e trala experiencia do desenvolvemento desta práctica nos últimos meses.
Así, o 31 de marzo de 2022, a presidenta de Portos de Galicia, mantivo unha reunión de traballo cos colectivos representantes dos pescadores recreativos galegos para darlles traslado da modificación na normativa, concretamente con: Federación Galega de Pesca Responsable e Náutica de Recreo (Fedpemar), da Federación Galega de Pesca e Cásting e da Asociación Galega pola Defensa da Pesca Recreativa (Agadper).
En total, en base ás 41 solicitudes recibidas das partes interesadas, Portos de Galicia propuxo ampliar as zonas autorizadas para a práctica da pesca recreativa ou os horarios en 29 portos.
En catro deles amplíanse os espazos permitidos, sen outros requisitos, e a apertura das novas zonas nos 25 restantes queda condicionada á colaboración dos concellos para o auxilio e control desta actividade, estritamente de ocio veciñal e allea por completo á actividade portuaria.
É sorprendente, despois do anuncio feito por Portos de Galicia, a negativa dalgúns concellos a colaborar no control da práctica da pesca recreativa nos peiraos dos seus municipios, tendo en conta que as administracións locais controlan outros aspectos semellantes que exceden ás competencias de Portos de Galicia.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir traballando có obxectivo de acadar a adhesión dos concellos para colaborar con Portos de Galicia no control da práctica da pesca recreativa nos peiraos dos seus municipios, velando pola seguridade de todos os usuarios e polo desenvolvemento normal da actividade portuaria”.
Rexistro:https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-003109