Santiago, 15 de xuño de 2022.- Os deputados do Grupo Popular veñen de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que reclaman ao Ministerio de Transportes que actúe con celeridade para dar solución ao problema xerado tras o colapso e peche á circulación do viaduto do Castro, na Autovía do Noroeste (A-6), unha das principais vías de entrada e saída de Galicia coa Meseta.
A falta de información preocupa, e moito, aos populares porque nin a reunión de onte na Delegación de Goberno, nin nos últimos días, o Ministerio foi quen de dar resposta ás dúbidas formuladas polas empresas e sectores produtivos que empregaban esta vía de xeito habitual como espazo de paso dos seus transportes.
Información e transparencia
Por iso, os populares piden que a administración central ofreza información periódica e máxima transparencia para manter ao tanto das novidades aos cidadáns, concellos afectados e á administración autonómica: “A falta de información sobre as causas do incidente e a incerteza sobre a duración das obras de recuperación só sirve para alimentar a especulación e a preocupación”-indican os deputados na iniciativa.
Así, por exemplo, poñen de relevo o paradoxo de que o delegado do Goberno central avance que proximamente se prevé abrir ao tráfico o viaduto paralelo ao colapsado, “ao mesmo tempo, que se traslada que non se sabe por que caeu o do lado”
Concrecións e solucións
A iniciativa reclama tamén que se concrete as previsións sobre os traballos de reparación do viaduto afectado, así como das iniciativas dirixidas a revisar, inspeccionar e garantir a seguridade e funcionalidade dos viadutos da Autovía do Noroeste e da integridade desta infraestrutura viaria, en espacial nese espazo fronteirizo entre as provincias de Lugo e León.
Do mesmo xeito se pide que se busque todas as solucións posibles para minimizar o impacto do peche da autovía para Galicia, en particular, para o turismo -en pleno ano Xacobeo- e para os sectores produtivos que empregaban de xeito habitual esa vía con transportes pesados e agora vense obrigados a utilizar o desvío alternativo habilitado, cando as condicións técnicas dos vehículos así o permiten.