Apoio do Parlamento á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia ou solicitar do Goberno de España nesta materia.
A violencia contra as mulleres constitúe unha violación dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais que impide o total desenvolvemento dun Estado social e democrático de Dereito como o noso. Por ese motivo, os Poderes Públicos non podemos permanecer impasibles ante situacións de desigualdade e violencia por razón de xénero e a nosa obriga, polo tanto, é tomar decisións para erradicalas.
É indiscutible que Galicia leva anos promovendo políticas públicas e impulsando instrumentos legais para logralo, pero tamén para avanzar na supresión dos atrancos
que día a día impiden o pleno desenvolvemento das mulleres nas distintas esferas,combatendo, así, as diferentes expresións e as novas formas que adopta a violencia de xénero.
Neste sentido, cómpre destacar normas como a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que, nos últimos tempos, está a avanzar na tipificación doutras formas de violencia, como a violencia vicaria e a violencia dixital, á que se sumará proximamente o recoñecemento expreso da explotación sexual como violencia de xénero, tal e como recolle o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta de Galicia de 2023.
A isto súmanse outras actuacións de carácter transversal como o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes ou o I Plan Galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Sen esquecer que a loita contra a violencia de xénero require da colaboración de todas administracións, incluídas, como non, as entidades locais, axentes de primeira liña na detección e actuación contra esta problemática.
Por ese motivo, a Xunta de Galicia e os concellos e mancomunidades galegas levan anos desenvolvendo marcos de colaboración interinstitucional para o impulso de actuacións conxuntas como a Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero ou a constitución e activación das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
Así pois, tendo en conta que a cooperación dos Poderes Públicos, administracións e sociedade no seu conxunto é clave para traballar arreo na prevención da violencia de xénero, na atención integral das vítimas e na súa erradicación completa o Grupo
Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei:
“O Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio á conmemoración do Día Internacional
da Eliminación da Violencia contra a Muller e insta a Xunta de Galicia a:
1. Colaborar coas Entidades Locais no ámbito da formación das e dos profesionais nos servizos de base municipais, nos Centros de Información á Muller, así como na ampliación e fortalecemento das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero á fin de informar axeitadamente sobre os recursos a disposición de todas as vítimas da violencia de xénero.
2. Seguir fomentando a Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, en colaboración ca Fegamp, así como proporcionar todo o apoio técnico necesario no ámbito da loita contra a violencia de xénero.
3. Fomentar a extensión de novos Centros de Información á Muller, especialmente nos concellos de baixa densidade poboacional, prestando soporte técnico e económico no proceso de creación dos mesmos.
4. Dirixirse ao Goberno de España para:
o Fomentar a coordinación no ámbito da igualdade e contra a violencia de xénero cos distintos Ministerios e departamentos competentes do Goberno de España e coas Comunidades Autónomas para impulsar as actuacións necesarias co obxecto de cumprir co mandato dos Convenios de Istambul e Varsovia, e coas medidas recollidas nos acordos da Conferencia Sectorial de Igualdade celebrada o pasado 22 de xullo de 2022.
o Que dea cumprimento efectivo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, impulsando as modificación lexislativas pendentes e adoptando as medidas recollidas neste Pacto en materia de prevención, detección e atención integral ás vítimas.
o Garantir un sistema de financiación estable, plurianual e con fondos suficientes
para afianzar todos os recursos humanos e técnicos necesarios na prestación dos servizos contra a violencia de xénero, cumprindo cos estándares de calidade, accesibilidade, adaptabilidade e non discriminación; dentro do marco de cooperación Estado-Comunidades Autónomas e baixo o acordo do futuro Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero”.