21 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a impulsar todas cantas actuacións sexan precisas para retomar a actividade e o emprego do Grupo de empresas Ganomagoga, a comezar, de xeito urxente, por reunirse con todas as partes afectadas, nomeadamente coa representación do seu cadro de persoal, e por solicitar formalmente a incorporación da Xunta de Galicia á mesa ou mesas de negociación dos EREs anunciados.
A deputada popular Felisa Rodríguez amosou o apoio solidario de todo o Grupo Popular aos traballadores do grupo de empresas Ganomagoga. “Non nos sobra ningún tipo de empresa, nin Ence en Pontevedra, nin Endesa en As Pontes, nin Alcoa en San Cibrao, nin calquera das empresas do noso litoral que están ameazadas polas imposicións da Lei de cambio climático”, apuntou.
Felisa Rodríguez lembrou que a Xunta xa mantivo unha reunión cos traballadores do grupo Ganomagoga, na que se comprometeu a velar pola boa fe na negociación que deben iniciar nos vindeiros días traballadores e empresa, ao tempo que se ofreceron mecanismos para intentar acadar o mantemento do emprego e a busca de inversores solventes. “A Xunta vai apoiar á empresa e aos seus traballadores porque a política do PPdeG é de feitos, solucións e de apoio ao interese social”, indicou.
Porén, a deputada popular criticou que o BNG “veña agora ao Parlamento galego preocupándose polo peche desta empresa que concentra o 80 por cento da súa actividade no sector eólico, cando son os que encabezan as manifestacións detrás da pancarta Eólicos non”. “Se os nacionalistas galegos predican o eólicos non, para quen van traballar os empregados de Ganomagoga”, cuestionou Felisa Rodríguez.