30 de xuño de 2023. A secretaria xeral do PPdeG fixo hoxe un chamamento a aglutinar un voto no PP para “poñer fin a un sanchismo que non trouxo máis que despropósitos e agravios a Galicia” e “poder ter un Goberno de España útil, responsable e unido”.
“Votar maioritariamente ao PP é a garantía de que goberne quen ten a maioría nas urnas”, afirmou poñendo como exemplo do contrario ao “independentismo” que goberna Santiago de Compostela “a pesar de sacar apenas unha cuarta parte dos concelleiros da Corporación e sendo o PP a forza máis votada”
Paula Prado aproveitou a súa visita á Praza de Abastos compostelá acompañada pola candidata ao Congreso Rosa Quintana e o voceiro local do PP, Borja Verea, para criticar que a carne, o peixe e as conservas seguen tendo os mesmos prezos altos e os mesmos impostos pola negativa de Pedro Sánchez de rebaixar o IVE a estes produtos: “O sanchismo está lastrando a economía dos galegos”.
“Se Alberto Núñez Feijóo é presidente do Goberno de España, farase realidade a tan demandada rebaixa do IVE á carne e aos produtos do mar”, asegurou ao tempo que explicaba que esta medida suporá un alivio de en torno a 150 euros por familia na cesta da compra.
Poñendo en valor o amplo coñecemento do sector do mar de Rosa Quintana, a secretaria xeral do PPdeG amosou o seu orgullo de que poida representar aos galegos no Congreso: “Exportar o noso coñecemento e a nosa experiencia a través de candidatos e candidatas como Rosa é o mellor que podemos facer por Galicia e por España”.
ROSA QUINTANA AVOGA POR APOSTAR POLO SECTOR PRIMARIO
A candidata ao Congreso manifestou o seu orgullo de “poder acompañar a Alberto Núñez Feijóo na súa meta de ser o presidente de todos os españois”.
“Desde Galicia temos que demostrar un esforzo e un compromiso especiais para que quen foi o mellor presidente da nosa Comunidade durante 13 anos o sexa tamén de España a partir do 23 de xullo”, engadiu.
Quintana destacou as políticas en defensa do sector primario promovidas polo Goberno galego durante os últimos anos asegurando que Feijóo quere seguir apostando por estes sectores “fundamentais na produción e para conseguir a seguridade alimentaria”.