7 de xullo de 2023. A secretaria xeral do PPdeG considera “hipócrita” que o lema do PSOE nesta campaña sexa Adelante cando o realmente o sanchismo supuxo “cinco anos de pasos atrás” en cuestións, como por exemplo, os dereitos das mulleres. En declaracións aos medios antes da inauguración do X Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia en Agolada e facendo referencia aos últimos datos sobre os resultados da aplicación da Lei do só si é si (máis de 1.200 agresores sexuais que viron reducidas as súas penas e 117 violadores que saíron á rúa antes de tempo), Paula Prado afeou a Pedro Sánchez que cualificase esta norma de “magnífica”: “Despois destes resultados, ningún gobernante do mundo pode dicir que é unha magnífica lei”.
Criticou a falta de asunción de responsabilidades por parte do presidente e dos seus ministros: “En ningún país da nosa contorna se entende que Sánchez seguira á fronte dun Goberno que provocou este retroceso tan grande nos dereitos das mulleres. Por decencia tiña que dimitir, ou polo menos cesar á súa ministra de Igualdade”.
A Lei do só si é si é para a número dous dos populares galegos un máis da “lista de agravios” de Pedro Sánchez a Galicia, así como unha razón máis para “deixar atrás a longa e escura noite na que o sanchismo quixo sumir aos galegos”.
“É o momento do cambio e é o momento dun candidato como Alberto Núñez Feijóo, que, ademais de ser galego, puxo e porá sempre a Galicia por riba de todo”, remarcou. Referíndose á visita realizada onte polo candidato á presidencia á súa aldea natal nos Peares, Paula Prado definiuna como “un acto de humildade” e “unha mostra de que se pode chegar a ser presidente de España vindo dunha aldea do rural e sendo consciente de que o noso país é moito máis que a parte urbana”.
A un día do gran acto de campaña que os populares celebrarán na Praza de Touros de Pontevedra, a secretaria xeral do PPdeG volveu invitar a participar nel “a todos os que queiran apoiar a Alberto Núñez Feijóo e levalo directamente de Galicia á Moncloa”.
“A partir deste domingo, a Praza de Touros será a praza de todos os galegos e galegas, de todos os españois que queremos un cambio para España e de todos os que queremos que Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno”, concluíu.