10 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu hoxe aos veciños de Curtis unha maioría absoluta o 18 de febreiro para que Galicia siga funcionando e poder parar a unha esquerda que pretende impoñer o que eles defenden en contra do sentir maioritario dos galegos e galegas.
Nunha comida-mitin con 400 asistentes celebrada no salón de actos do Recinto Feiral na que estivo acompañado polo cabeza de lista pola provincia da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde Javier Caínzos, o líder dos populares galegos reiterou o seu desexo de seguir presidindo o Goberno galego para continuar mellorando as cousas en Galicia e facelo desde o sentidiño e a estabilidade.
De feito, subliñou que, mentres outros teñen prioridades tan afastadas do sentir da rúa como é a declaración de independencia, o programa electoral do PPdeG é o único que reflexa as prioridades da xente. “As nosas primeiras prioridades son seguir ofrecendo certezas á xente e que os servizos públicos funcionen aínda mellor”, engadiu.
Ao longo da súa intervención, Alfonso Rueda remarcou a importancia de ofrecer estabilidade tamén no eido económico para poder ofrecer facilidades ás empresas que están dispostas a instalarse en Galicia para crear riqueza e xerar emprego.