Hoxe, nunha cea-mitin en Sanxenxo na que tamén participaron o presidente do PP de Andalucía, Juanma Moreno, a candidata pola provincia de Pontevedra María Deza e o alcalde Telmo Martín
Alfonso Rueda pide o voto para a Galicia que se supera a si mesma e non queda atascada en barullos multipartitos e separatistas
- Recorda que somos a Comunidade que máis apoia ás familias, que a educación pública galega está nos mellores niveis de España e que os galegos contan con prestacións únicas como o calendario vacinal infantil
10 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu hoxe o voto para a Galicia que funciona, que se supera a si mesma e non queda atascada en barullos multipartitos e separatistas, ofrecendo a cambio o seu compromiso coa confianza maioritaria que agarda acadar dos galegos e galegas o próximo 18 de febreiro.
Nunha cea-mitin organizada en Sanxenxo na que estivo acompañado polo presidente do PP de Andalucía, Juanma Moreno, a candidata pola provincia de Pontevedra María Deza e o alcalde Telmo Martín; o líder dos populares galegos insistiu en que o próximo 18 de febreiro só hai dúas opcións: ou os que van á contra de todo ou os que fan propostas de futuro desde o inconformismo e tendo a Galicia como razón de ser.
Reivindicou que, fronte ás visións sectarias dos partidos da imposición, os galegos séntense tan orgullosamente galegos como españois. E por iso avoga por unha Galicia na que as identidades non sexan un problema e ningún teña o dereito a dicir quen é máis ou quen é menos galego.
Tamén fixo balance do moito que avanzamos nestes anos, incidindo especialmente en que Galicia é a Comunidade que máis apoia ás familias, que a educación pública galega está nos mellores niveis de España e que, no eido sanitario, os galegos contan con prestacións únicas como o calendario vacinal infantil.