O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) a inclusión de Galicia no Programa Viena para a construción de vivenda en alugueiro, ao tempo que as vivendas propiedade desta sociedade en Galicia se destinen a usos sociais coa súa cesión gratuíta á Xunta de Galicia, que deberán integrar as vivendas cedidas no parque público de vivenda en alugueiro que xestiona o IGVS. Neste sentido, cederanse á Xunta as vivendas que se atopen en condicións adecuadas para o seu uso ou que precisen pequenas reparacións e non se atopen en ningún tipo de situación legal que impida o seu alugueiro unha vez cedidas.
A deputada popular María Deza lembrou que “o Goberno de Pedro Sánchez anunciou o mes de abril do pasado ano un plan para mobilizar 50.000 vivendas da Sareb para alugar a prezos accesibles, entre as que se contan as vivendas que supostamente se construirán dentro do Proxecto Viena”.
10 AUTONOMÍAS, PERO GALICIA FÓRA
O obxectivo do Proxecto Viena é construír en varias fases ata 15.000 vivendas en colaboración público-privada, que serían destinadas ó alugueiro accesible. Nunha primeira fase, executaríanse un total de 3.500 vivendas, cunha inversión privada de, aproximadamente, 400 millóns en 10 autonomías, entre as que non se atopa Galicia.
María Deza lamentou “o continuo baile de cifras respecto dos bens xa construídos que a SAREB dispón en Galicia, incapaz de poñer unha cifra certa ás vivendas que supostamente ía poñer á disposición de comunidades e concellos”. Así, lembrou que “inicialmente anunciara que había 479 vivendas en Galicia en condicións de uso, cifra que despois rebaixou a unhas 300 e, finalmente, a tan só 187”.
“Realmente, e segundo do datos publicados na súa propia web, a Sareb dispón de 1.936 vivendas en Galicia, pero aínda non sabemos cantas desas vivendas están en disposición de ser habitadas, a pesar das reiteradas peticións realizadas”, concretou.