O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que solicita seguir avanzando co investimento orzamentario e posterior adquisición de equipos de protección individual (EPIS), medios materiais e maquinaria que sexan necesarios para optimizar as labores de prevención e extinción de incendios forestais en Galicia dunha maneira óptima, decidida e segura.
O deputado popular Ángel Rodríguez Conde asegurou que “a prevención constitúe unha das bases fundamentais na loita contra os incendios forestais en Galicia, porque a prevención é a anticipación á extinción, e comprende un conxunto de actuacións dirixidas a evitar que se produzan incendios forestais ou que, unha vez iniciados, a súa propagación sexa a menor posible”.
“Para a realización de todos estes traballos, tanto preventivos como de extinción de incendios forestais ou post-incendio, ao longo destes anos foise procedendo á adquisición de equipos de protección individual, así como de medios para desenvolver as tarefas desempeñadas”, indicou o deputado popular, quen avogou “por seguir incorporando material para conseguir desenvolver con maior eficacia o traballo de defensa dos montes contra os incendios forestais”.