A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o futuro Plan de saúde mental de Galicia incorporará psicólogos clínicos nos centros de saúde dependentes dos servizos de pediatría.
Encarna Amigo lembrou que Galicia foi pioneira na implantación en 2017 dun Plan de prevención do suicidio, que incorporaba 37 medidas en sete liñas estratéxicas. Posteriormente, aprobouse en 2020 o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, “que nos converteu novamente nunha comunidade pioneira ao definir unha folla de ruta tan ambiciosa na saúde mental, logo de que a pandemia evidenciou a súa necesidade”.
“Este plan sigue vixente a día de hoxe e darase conta do mesmo cando remate”, afirmou a portavoz popular, quen avanzou que “en base a ese análise redactarase o próximo plan de saúde mental de maneira máis ambiciosa e axeitada á realidade da saúde mental galega”.
FALTA DE RESPECTO AOS PROFESIONAIS
Por outra parte, Encarna Amigo pediu ao BNG “desculpas públicas ao afirmar que ‘se un home entra nunha consulta cunha sintomatoloxía semellante á dunha muller, o home sae cunha batería de peticións de probas complementarias e a muller cunha rea de psicofármacos”. “Xa non é que nos falten ao respecto aos militantes do Partido Popular, porque agora tamén faltan ao respecto aos galegos, ás mulleres e aos profesionais sanitarios”, sinalou.
“Son conscientes da acusación e falta de respecto que os nacionalistas galegos fai contra os profesionais que se deixan a pel cada día na atención de pacientes no Servizo Galego de Saúde?”, cuestionou a portavoz popular, quen asegurou que “nós confiamos no bo facer dos profesionais do sistema sanitario galego, que están centrados en traballar e resolver problemas de saúde”. “No único no que os nacionalistas galegos son especialistas é en alporizar a xente, terxiversar informacións e en enredar e xerar problemas onde non os hai”, rematou.